A Deputación divulga a importante traxectoria artística de María Pardo, “unha das nosas sopranos máis internacionais” nun novo faladoiro de Aquí Faltan Páxinas

Sandra Bastos: “Como todas as mulleres protagonistas deste ciclo, a súa historia ben merecía ocupar páxinas nos libros de historia xa que foi discípula do mestre, empresario teatral e director de ópera José Tolosa e do barítono Ignacio Tabuyo”

26/09/2024

Faladoiro Aquí faltan páxinas. María Pardo Trapote

A sede de Turismo Rías Baixas acolleu hoxe un novo faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra Aquí Faltan Páxinas. Neste caso, a protagonista foi María Pardo Trapote, “unha das nosas sopranos máis internacionais”, como resaltou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, durante a inauguración. O faladoiro, correu a cargo da súa sobriña-neta, Pilar de Saa, e da musicóloga e investigadora Marieta Lorenzo, que traballa na recuperación das figuras galegas da lírica nacional e internacional.

“Discípula do mestre, empresario teatral e director de ópera José Tolosa e do barítono e profesor de música Ignacio Tabuyo y Muro, o seu nome non é o dos máis coñecidos da nosa lírica, sen embargo ben o merece”, asegurou a responsable provincial de Igualdade, que recordou que “como todas as mulleres protagonistas deste ciclo, a súa traxectoria precisaba ocupar páxinas nos libros de historia”. Porque, como moitas mulleres, “chegou a acadar a cima pero non recibiu o crédito que tiveron outros, así que era unha obriga para nós visibilizar o seu legado para inspirarnos e construír referentes para as nosas nenas e mozas” .

Natural do barrio vigués de Teis e con fondas vinculacións familiares á cidade de Pontevedra, María Pardo comezou a destacar en 1913 como unha brillante artista lírica, participando incluso nun concurso no que obtivo unha pensión para ampliar os seus estudos en Italia. Nos anos 30 emigrou aos Estados Unidos, onde chegou a actuar na Sinfónica de Boston, e na súa carreira subiu ao escenario dalgúns dos principais teatros de Italia, Francia, España, Portugal, Brasil ou Arxentina.  A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa “Aquí faltan páxinas”, pode consultarse nun pódcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.