A Deputación leva este venres a Moaña o circuíto +Escénicas con “A nena e o grilo camiño das cores”, de Teatro Ghazafelhos e Magín Blanco
O espectáculo, para público familiar, poderá verse de balde ás 18:00 horas no Espazo Nadal da Praza de Abastos
26/12/2024
A Deputación de Pontevedra leva este venres 27 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Moaña co espectáculo de teatro “A nena e o grilo camiño das cores”, de Teatro Ghazafelhos e Magín Blanco. A función comezará ás 18:00 horas no Espazo Nadal da Praza de Abastos da vila, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“A nena e o grilo camiño das cores”, dirixido ao público familiar, ofrece unha montaxe teatral con música en directo para afondar nos camiños, as peregrinacións nas que as persoas camiñantes buscan atoparse consigo mesmas. A nena xunto co grilo que a acompaña emprenden unha viaxe chea de aventuras e sorpresas a carón da amizade.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.