A Deputación leva o circuíto +Escénicas ata Caldas coa obra teatral “Nabiza Girl” de Isa Risco

A peza, dirixida ao público adulto, poderá verse no auditorio municipal de Caldas o próximo domingo 20 de outubro ás 19:00 horas

18/10/2024

A Deputación de Pontevedra leva +Escénicas ata Caldas coa obra teatral "Nabiza Girl" a cargo da Isa Risco. A peza, dirixida ao público adulto, poderá verse no auditorio municipal da vila termal o próximo domingo 20 de outubro ás 19:00 horas. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

Isa Risco é unha actriz, clown e pedagoga teatral que se formou con mestres como Eric de Bont, John Wright ou Leo Bassi. Leva varios lustros sobre as táboas ou diante das cámaras e traballou como actriz secundaria e protagonista nalgunha das series máis coñecidas da TVG. Ten tamén participado en curtas, publicidade e algunha longametraxe e en Caldas presentará "Nabiza Girl". Trátase dunha peza protagonizada por Chelo García Naveira, máis coñecida como Nabiza Girl, "unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato".

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.