A Deputación leva este sábado o circuíto +Escénicas ata Pazos de Borbén e As Neves

“Contos na lareira” de Iván Davila poderase ver ás 18.00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e “Running” de De Ste Xeito Producións ás 20:00 horas no Auditorio municipal das Neves

01/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 2 de novembro o circuíto +Escénicas ata Pazos de Borbén e As Neves. “Contos na lareira” de Iván Davila poderase ver ás 18:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e “Running” de De Ste Xeito Producións ás 20:00 horas no Auditorio municipal das Neves. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“Contos na lareira” trátase dun espectáculo familiar, de 45 minutos, no que se afonda en historias tradicionais galegas con chiscadelas ao presente. En Pazos de Borbén e a través desta peza teatral, Iván Davila  abordará cuestións como o coidado da natureza, a reciclaxe, a exaltación da lingua, a igualdade e a importancia dunha boa comunicación como resolución de conflitos.

Pola súa banda “Running”, dirixido a maiores de 12 anos, chegará ata As Neves para afondar nas axendas das familias, nos deberes e obrigas, nos coidados. A través de  a través de Xulia e Román, dúas persoas que aínda non saben se tanto se queren pois as súas familias, as súas vidas, e os seus propios medos impiden brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.