A Deputación leva este sábado o circuíto +Escénicas ata Bueu con “Que din as rumorosas”, de Maquinarias Teatro

A peza teatral, dirixida ao público adulto, poderá verse ás 20:00 horas no Centro Social do Mar

13/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de novembro o circuíto +Escénicas ata Bueu. A peza teatral “Que din as rumorosas”, de Maquinarias Teatro, poderá verse ás 20:30 horas no Centro Social do Mar. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“Que din as rumorosas”, dirixido ao público adulto e gañadora do IV Premio Luisa Villalta a Proxecto pola Igualdade da Deputación da Coruña, é unha comedia coral sobre como ser artista e muller. Nela, seis intérpretes do presente navegan con seis artistas galegas do pasado nun cruceiro atemporal no que destaparán os seus segredos máis íntimos, para rir delas mesmas e, sobre todo, da estrutura patriarcal do sistema artístico. Un cóctel de humor e amor no que as seis intérpretes interpretan, cantan e bailan para falar de arte.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.