A Deputación leva este sábado o circuíto +Escénicas ata Oia con “O xardín de Vila Gris”, de Fulano Mengano e Citano

A peza teatral, dirixida ao público infantil e familiar, poderá verse ás 19:30 horas no Centro Sociocultural de Pedornes

14/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de novembro o circuíto +Escénicas ata Oia. A peza teatral “O xardín de Vila Gris”, de Fulano Mengano e Citano, poderá verse ás 19:30 horas no Centro Sociocultural de Pedornes. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.

“O xardín de Vila Gris”, dirixido a un público infantil e familiar, conta a historia de Martín, que vive feliz nun dos últimos recunchos verdes de Vila Gris pero unha seria ameaza voa sobre el: Don Nefasto Funesto, un construtor de edificios que pretende apropiarse dese recanto, arrancar todas as árbores, e construír nel unha torre de cemento tan alta que non deixe ver a luz do sol. Fulano Mengano e Citano é unha das compañías mais valoradas polo publico galego. Nada en Vigo no ano 1994, actualmente está formada por Paulo Medal, Suso Pando, Marcos Alonso, Jonathan Carames e Manuel Pombal

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.