A Deputación aterra en Tokio explicando o seu plan estratéxico para as plantacións comerciais de té na provincia de Pontevedra
Durante o Congreso Internacional da Camelia de Tokio tamén se presentaron as novas incorporacións á Ruta da Camelia, entre as que figura o Xardín de Excelencia Internacional en camelia da Finca Areeiro
10/03/2025
A Deputación de Pontevedra xa se atopa na capital do Xapón, Tokio, para participar no Congreso Internacional da Camelia que se celebra no país ata o 13 de marzo. O persoal de Areeiro desprazado ao evento asistiu á cena de inauguración co congreso, na que estivo presente a princesa imperial Takamado, e participou na xeira de presentacións para dar a coñecer o plan estratéxico que está a desenvolver a institución provincial para a expansión das plantacións comerciais de té na provincia de Pontevedra. Ademais, no evento tamén se presentaron as novas incorporacións á Ruta da Camelia, entre as que se atopa o Xardín de Excelencia Internacional en camelia da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
O persoal de Areeiro puido saudar a Tadashi Karato, membro da organización e responsable das oficinas da Sociedade Internacional da Camelia no Xapón, así como a outras figuras recoñecidas en Asia no ámbito da camelia, como o director do xardín de Apoliu, na localidade chinesa de Jinhua, e o director do xardín de Nonoichi, na localidade xaponesa de Isikawa.
Durante a duración do Congreso, ao que asisten o presidente Luis López e o deputado delegado de Areeiro, Javier Tourís, a Deputación manterá unha intensa actividade na que dará a coñecer as investigacións nas que traballa a institución provincial para buscar solucións ao fungo Ciborinia camelliae, que afecta ás flores deste xénero e que está xa a provocar graves perdas en todo o mundo a nivel ornamental e económico. A Deputación tamén detallará a variación na composición do té verde producido en Areeiro.
A institución provincial terá presenza na reunión de directores e representantes da Sociedade Internacional da Camelia, na que se aprobarán as contas, se presentarán novas ideas e se detallará o estado das entidades e persoas sociais. Tamén formará parte da reunión do grupo de conservación de camelias históricas, onde está previsto levar novas propostas de exemplares da provincia. A delegación pontevedresa finalizará o seu paso polo congreso con xuntanzas con distintos organismos para avanzar na promoción da camelia e da provincia a nivel internacional.