Luis López encabeza o intercambio de coñecementos entre a provincia de Pontevedra e a cidade xaponesa de Oshima para explorar os vínculos e posibilidades da camelia

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, visita os xardíns de excelencia internacional Tsubaki Hana Garden e o Wild Camelia Forest Park, e un centro de formación ligado a camelia, o Oshima High School, no marco das actividades do Camelliae International Congress que se celebra Tokyo

12/03/2025

Luis López na cidade xaponesa de Oshima

O presidente provincial, Luis López, está a encabezar o intercambio de coñecementos entre a provincia de Pontevedra e a cidade xaponesa de Oshima para explorar os vínculos e as posibilidades da camelia, a flor por excelencia das Rías Baixas, no marco do Camelliae International Congress que se está a celebrar estes días en Tokyo. Así, dentro das actividades do evento, visitou dous xardíns de excelencia internacional na cidade xaponesa de Oshima: o Wild Camelia Forest Park e Tsubaki Hana Garden, por Javier Tourís, deputado encargado de Finca Areeiro; e a doutora Pilar Vela, responsable da sección de fruticultura e ornamentais desta estación dependente da Deputación, ademais da presidenta da Asociación Española da Camelia, Carmen Salinero.

Ademais de coñecer estes xardíns dedicados á camelia, nesta xornada de mércores o mandatario provincial tamén visitou un centro de estudo e experimentación centrado na Camelia, o Oshima High School, na que a delegación pontevedresa puido coñecer de man dos estudantes os resultados dos traballos que teñen en marcha arredor desta flor.

Finalmente, o presidente da Deputación mantivo un encontro institucional co alcalde de Oshima, Sakaue Choichi; e o presidente da International Camelia Society, Gianmario Motta, para intercambiar experiencias e coñecementos sobre esta árbore da camelia que une ás Rías Baixas co país do sol nacente.

A Camelia de Soutomaior, aspirante aos premios internacionais

O organismo provincial presentou en Tokio a camelia de Soutomaior, a de maior porte de Galicia, aos premios da International Camelliae Society. Trátanse duns galardóns que aproba o comité de Conservación de Camelias históricas da entidade ás camelias máis antigas do mundo, para garantir a súa preservación.

A camelia de Soutomaior protagonista desta xornada trátase dun exemplar composto por 18 troncos que crecen desde a propia base da árbore e que a sitúan como a camelia de maior circunferencia en Galicia. Este exemplar forma parte das máis de 400 especies que atesoura o Castelo de Soutomaior, 18 delas das máis antigas de Galicia. De feito, o valor botánico e cultural do xardín levouno a ser considerado o primeiro de España de Excelencia Internacional da Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia e tamén o primeiro de España en obter o certificado de Xardín Histórico Observer.

Ademais das actividades desenvolvidas estes días, como a presentación do plan estratéxico do té, está previsto que a institución provincial detalle as investigacións que está a liderar desde Areeiro para buscar solucións ao fungo Ciborinia camelliae, que afecta ás flores deste xénero e que está xa a provocar graves perdas en todo o mundo a nivel ornamental e económico, ou a variación na composición do té verde producido na finca provincial. A institución provincial tamén ten previsto levar a cabo xuntanzas con distintos organismos para avanzar na promoción da camelia e da provincia a nivel internacional.

Galerias de imaxes