A Deputación pon en marcha un novo concurso para deseñar o cartel do primeiro encontro literario e artístico “Pontevedra literaria. Xuventude e Artes”
Poden participar mozos e mozas de entre 16 e 35 anos e o seleccionado, ademais de ser imaxe deste encontro, será premiado con 300 euros
27/07/2024
A Deputación de Pontevedra abre este luns, 29 de xullo o prazo para participar no concurso de deseño do cartel que será imaxe do I Encontro Literario e Artístico "Pontevedra literaria. Xuventude e Artes", un evento que terá lugar no mes de outubro e que a institución provincial pon en marcha despois de observar un aumento no número de solicitudes nas categorías de "traballo literario breve" e "fotografía orixinal" para os Premios Provinciais á Xuventude, o que denota un especial interese dos mozos da provincia pola creación literaria e artística.
Por iso pon en marcha este concurso, no que poderán participar mozos e mozas de entre 16 e 35 anos que estean empadroadas na provincia. O traballo gañador, ademais de ser premiado con 300 euros, será o que se empregue como imaxe. Os proxectos propostos consistirán nun cartel representativo do encontro literario e artístico, destinado á mocidade, baixo o lema "Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes". Neste realizaranse charlas-coloquio impartidas por novelistas, nas que compartirán as súas motivacións para animarse a escribir, relatarán as súas experiencias no mundo literario e darán consellos e recomendacións para as persoas que se queiran iniciar na escrita. Ademais, completarase con dúas exposicións: unha de fotografía, na que se amosarán as obras gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, e outra de pintura, que incluirá cadros realizados por mozas e mozos da provincia
Os proxectos presentados deben ser orixinais e non se poden presentar deseños que xa participasen total ou parcialmente noutros certames ou concursos de similares características. Ademais, o deseño deberá presentarse en tamaño A3 (29,7 cm x 42 cm) en formato PDF ou JPG. Nas bases da convocatoria poden consultarse todos os detalles e as persoas interesadas en presentar algunha proposta poderán facelo ata o vindeiro 30 de agosto a través da Sede electrónica da Deputación