Luis López anuncia un novo impulso á cultura con “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”, unha cita que atraerá a escritores de enorme prestixio como Faciolince, Manel Loureiro e Arantza Portabales

O presidente provincial anunciou que Denis Carballás, de Vigo, foi o gañador do concurso convocado este verán para deseñar o cartel do encontro, que terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra os días 17 e 18 de outubro

13/09/2024

rolda de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra celebrará os días 17 e 18 de outubro o primeiro encontro literario “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”, como anunciou hoxe o presidente, Luis López. A institución provincial pon en marcha esta cita, que terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, “porque somos un motor cultural e porque temos observado un aumento no número de solicitudes nas categorías de traballo literario breve e fotografía orixinal para os Premios Provinciais á Xuventude”.

A Deputación puxo en marcha o pasado mes de xuño un concurso no que animaba aos mozos e mozas de entre 16 e 35 anos da provincia a presentar propostas de carteis para que foran imaxe deste primeiro encontro literario. Co prazo de recepción de orixinais xa pechado, o xurado decidiu escoller a proposta de Denis Carballás Riveiro, un mozo de Vigo nado en 1995, tal e como anunciou Luis López esta mañá en conferencia de prensa.

Ademais, o presidente detallou algúns dos nomes dos poñentes que estarán neste encontro entre os que se atopan escritores de renome internacional como o colombiano Héctor Abad Faciolince, que falará, entre outras cousas, da súa experiencia en Ucraína, onde sufriu un atentado. Tamén se darán cita outros recoñecidos autores españoles, como Manel Loureiro ou Arantza Portabales. Deste xeito, López aproveitou a ocasión para convidar a todos os mozos da provincia a este encontro “que reforza a marca da provincia como un territorio de Letras e de cultura”.

Galerias de imaxes

audios