#XUVENTUDE
Concurso de deseño do cartel que será a imaxe do I Encontro literario e artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, convoca anualmente os Premios Provinciais á Xuventude, coa finalidade de promover o talento e esforzo da mocidade, estimular a súa creatividade e recoñecer o seu compromiso coa cultura, as artes, as ciencias e a investigación, entre outros. Nas últimas edicións dos devanditos premios observouse un aumento no número de solicitudes en todas as categorías, pero especialmente nas de “traballo literario breve” e “fotografía orixinal”, o que denota un especial interese polas iniciativas de creación literaria e artística.
Por iso, a Deputación de Pontevedra organiza o próximo mes de outubro un encontro literario e artístico destinado á mocidade, co título “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”. Este evento consistirá nunha serie de charlas-coloquio, impartidas tanto por novelistas cunha traxectoria consolidada como por algunhas das persoas galardoadas en anteriores edicións dos devanditos premios. Nestas xornadas compartirán as motivacións que as animaron a escribir, relatarán as súas experiencias no mundo literario e darán consellos e recomendacións para as persoas que se queiran iniciar nesta disciplina.
Ademais, o encontro completarase con dúas exposicións: unha de fotografía, na que se amosarán as obras gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, e outra de pintura, que incluirá cadros realizados por mozas e mozos da provincia.
Con ese propósito, o Servizo de Xuventude e Reto Demográfico convoca o concurso para o deseño do cartel que será a imaxe do I Encontro Literario e Artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”, dirixido a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos e empadroados nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra.
Deberán elaborar un cartel representativo do antedito encontro, en tamaño A3 (29,7 cm x 42 cm) e en formato PDF ou JPG. Os proxectos deberán ser orixinais e non se poderán presentar deseños que xa participasen total ou parcialmente noutros certames ou concursos de similares características.
O traballo gañador será premiado con trescentos (300,00) euros.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o 30 de agosto de 2024.