Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana case 2 millóns de € para impulsar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar a 11 persoas en 13 concellos

Os novos recursos beneficiarán a Cambados, Cangas, Cuntis, A Guarda, A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilanova de Arousa

26/04/2024

Luis López na conferencia de prensa

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que trece concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 11 persoas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Cambados, Cangas, Cuntis, A Guarda, A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilanova de Arousa. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue "tendendo pontes cos concellos e avanzando no reparto de fondos do Plan +Provincia: este ano xa aprobamos 20 M € dun total de 48,2 M€ dos que está dotado este programa para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou preto de 1,43 millóns de euros para nove concellos: Cambados, Marín, Moaña, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilanova de Arousa.  Desta maneira, Cambados contará con 138.832€ para a mellora da pavimentación de rúas e camiños; Marín recibirá 215.400€ para renovar pavimentos na urbanización Virxe do Carme; Moaña beneficiarase de 245.039€ para renovar o colector de saneamento e pavimento na rúa Baixada A Torneira; Mondariz contará con 197.272€ para mellorar vías municipais en Frades, Riofrío, Meirol e Lougares; As Neves recibirá 111.275€ para mellorar o asfaltado nas vías municipais de Ravelo, Fragua e Ribarteme; Oia beneficiarase de 209.504€ para adquirir un vehículo para a recollida de residuos; Pazos de Borbén contará con 80.000 € para a adquisición de vehículo mini pala; e Portas recibirá 82.000 € para o subministro dunha minicargadora e varredora industrial.

No caso de Vilanova de Arousa, as obras serán financiadas ao 100% pola Deputación grazas a outros mecanismos provinciais. Desta maneira, o investimento na vila arousá será de máis de 226.000 euros para a renovación do céspede artificial no campo de fútbol de Pontearnelas e, destes recursos, 156.149 € proceden da liña 1 do Plan +Provincia e 70.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente provincial informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar 340.000 euros para os concellos de Cangas, A Guarda e A Lama. En concreto, Cangas recibe 147.000 euros para o servizo de limpeza e desbroces; A Guarda 74.176 € para a Festa da langosta e da cociña mariñeira (22.466€), a programación escénica no Centro Cultural (9.396 €), o festival Mar de Blues (17.993 €), o ciclo de concertos Tocamúsica (12.295 €), o Color Rain Festival (6.997 €) e unha intervención artística mural coa xuventude (4.998 €); e A Lama contará con 121.630 € para diferentes gastos derivados da prestación de servizos municipais.

Por último, ao abeiro da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba esta semana 120.023 euros para que Cuntis contrate a once traballadores. En concreto, serán tres albaneis, dous operarios de protección civil, dous peóns de obras, un peón de recollida de lixo, un auxiliar administrativo, un técnico en turismo e un técnico en medio ambiente.

videos

audios