Luis López adianta ao alcalde de Soutomaior un apoio de 170.000 euros para humanizar a Praza da Aldea como parte da aposta investidora da Deputación no municipio

O presidente mantivo unha reunión con Manuel Lourenzo na que lle avanzou esta subvención que aprobará a Xunta de Goberno este venres e repasaron os investimentos provinciais previstos no concello, que suben un 12 % ata os 675.000 euros

02/05/2024

O presidente mantivo unha reunión con Manuel Lourenzo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, un apoio de 170.000 euros para a mellora da accesibilidade e humanización da Praza da Aldea, en Arcade, que será aprobada este venres na Xunta de Goberno como unha mostra da aposta investidora do goberno provincial neste municipio. Nunha reunión de traballo mantida este xoves no despacho presidencial entre ambos os dous dirixentes, o presidente repasou os investimentos que o organismo provincial ten previstos para este ano neste Concello, que alcanzan os 675.000 euros e supoñen un incremento do 12 % con respecto aos investimentos do ano anterior.
 
A Deputación colabora co Concello de Soutomaior a través de programas como o +Provincia e o Plan de Infraestruturas Deportivas. Con respecto á liña 1 de investimentos do plan +Provincia, a Xunta de Goberno da Deputación aprobará este venres unha subvención de 170.000 euros para financiar o 100 % da obra de humanización da Praza da Aldea, en Arcade.

Nunha reunión marcada por un clima de cordialidade e vontade de entendemento, ambos os dous mandatarios repasaron asuntos de interese mutuo e otras solicitudes realizadas polo Concello. É o caso dos 218.000 euros solicitados para o acondicionamento como espazo de centralidade a contorna da Carreira dos Bolos; ou os 43.250 euros pedidos para realizar melloras en parques infantís.

O presidente mantivo unha reunión con Manuel Lourenzo

Do mesmo xeito, no tocante á liña 2 do +Provincia de apoio ao gasto corrente, a Deputación recibiu a solicitude de 51.000 euros para a programación cultural, deportiva e social do Concello de Soutomaior. Ademais, tamén foron concedidos 118.500 euros para a contratación de 9 persoas ao abeiro da liña 3 do +Provincia de fomento do emprego. Ademais, o Concello de Soutomaior recorreu tamén á novidosa Liña 4 para a redacción de proxectos transformadores polo que solicita unha axuda de 12.100 euros para a Humanización do Camiño de Santiago ao seu paso pola rúa Coutada e Fonte do Conde, así como unha de 3.33 euros para a senda peonil que una Arcade e o CEIP Manuel Padín Truiteiro.

Por outro lado, a través de Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que ten en marcha a Deputación, levarase a cabo a reforma da entrada principal do campo de fútbol municipal de Candán por un importe total de 57.500 euros que achega integramente a Deputación.

Afirmou Luis López que "nese afán de axudar aos concellos, porque somos un goberno municipalista", abordaron outras cuestións de importancia para a veciñanza de Soutomaior como a situación do treito urbano da estrada de Soutomaior, na que a Deputación buscará solucións para resolver os problemas.

audios