Luis López anuncia a aprobación do novo Plan director de Sobroso, con 1,5 millóns de euros para realzar e poñer en valor o castelo e a súa contorna
O proxecto recolle actuacións en materia de accesibilidade, iluminación, novos equipamentos ou o deseño de actividades complementarias, entre outras
19/04/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de darlle luz verde ao novo Plan director de Sobroso, un documento que marca a folla de ruta para investir 1,5 millóns de euros nos próximos tres anos co obxectivo de enriquecer a experiencia das e dos visitantes, mellorar e ampliar os servizos, e consolidar o castelo de Sobroso e a súa contorna natural como un dos grandes atractivos turísticos da provincia.
Como explicou o presidente da Deputación, Luis López, “trátase dun documento amplo que contempla melloras en todos os eidos”. Desta maneira, haberá unha intervención para renaturalizar e reordenar a contorna natural do castelo con especies autóctonas, co deseño de zonas diferenciadas, accesibles, sinalizadas e cunha iluminación adaptada; destinadas a especies botánicas, a ocio familiar, a actividades e obradoiros e á fauna propia deste lugar. Ademais, potenciaranse e deseñaranse catro novas rutas de sendeirismo encamiñadas a poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, inmaterial, cultural e histórico de Sobroso. Do mesmo xeito, poñerase en marcha unha aula de natureza para recibir excursións escolares e de turistas da man de educadoras e educadores ambientais que divulgarán a riqueza natural deste enclave.
A redacción deste Plan director é unha das actuacións enmarcadas dentro do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) do Condado-Paradanta “Unha terra entre ríos”, financiado con 1,5 millóns de euros a través dos fondos Next Generation, que ten como finalidade promover o crecemento equilibrado e impulsar a renovación do sector turístico da comarca e orientalo na dinámica do turismo sostible, mellorando tamén a calidade de vida na contorna. A idea é situar as persoas no centro da estratexia, potenciando a xeración de oportunidades e a participación cidadá e das e dos visitantes no desenvolvemento dun novo modelo turístico.
Club da lamprea
Na Xunta de Goberno da Deputación desta semana tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta para poñer en marcha un club da lamprea, enmarcado no citado Plan de sostibilidade turística en destino. Cun orzamento máximo de 103.000 euros, este club, tal e como explicou o presidente, Luis López, permitirá revalorizar a lamprea, a súa cadea de valor e a súa condición como produto destacado nesta comarca pontevedresa. O proxecto desenvolverase nos concellos da Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.