A Deputación destinará no 2024 máis de 5,6 millóns de euros ao impulso do turismo na provincia, preto dun 2 % máis que este ano

Cuadriplícase o investimento para difundir Rías Baixas e destínanse 100.000 euros máis á campaña anual e ás actividades de reunións de traballo logo do éxito de Alacante e Barcelona. O novo Plan estratéxico de turismo contará cunha asignación de 75.000 euros

06/11/2023

Oficina de Turismo Rías Baixas

Compartir con todo o mundo que “Pontevedra é gozar” será a máxima do Goberno provincial de Luis López en 2024. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra destinará o vindeiro ano máis de 5,6 millóns de euros a impulsar o turismo na provincia, un incremento de preto do 2 % respecto a 2023 que supón unha suba real de máis dun millón de euros con respecto a este ano, xa que finalizan proxectos turísticos financiados con fondos europeos.

Promoción e difusión

Para poder divulgar e dar a coñecer os atractivos turísticos do destino Rías Baixas a institución provincial realizará unha intensa actividade de promoción e difusión en 2024 á que destinará preto de 1,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 37 % con respecto a este ano. Os gastos de promoción do destino Rías Baixas, en xeral, cuadriplícanse ao pasar dos 75.000 euros aos 300.000 en 2024, e destínanse 100.000 euros máis á campaña anual turística e ás actividades de reunións de traballo, pasando dos 170.000 euros aos 275.000, logo do éxito das últimas actividades desenvolvidas en Alacante e Barcelona. Tamén se achegarán preto de 75.000 euros á realización do novo Plan estratéxico de turismo para a provincia.

Neste ámbito da promoción e divulgación destaca tamén o forte incremento, de ata o 66 %, na promoción do castelo de Soutomaior e na partida destinada a dar a coñecer o castelo de Sobroso, que se duplica con respecto a 2023. Destacable tamén é a promoción de CastroDeza e do pazo de Liñares, en Lalín, que non tiñan recursos dispoñibles en 2023 e en 2024 contarán con 18.000 euros. Igualmente, o proxecto “Trazas de Pontevedra”, de promoción dos xacementos galaico-romanos da provincia que acaba de reactivar o Goberno de Luis López, contará con 18.000 euros para a súa promoción en 2024, fronte aos 1.000 euros asignados este ano. Neste último caso, o Goberno provincial tamén destinará 40.000 euros á organización de actividades culturais arredor destes elementos do patrimonio arqueolóxico e cultural de Pontevedra.

Apoio a entidades turísticas e aos concellos

O orzamento destinado a impulsar e apoiar actividades turísticas desenvolvidas por asociacións da provincia incrementarase en 2024 nun 80 %, ao pasar dos 100.000 euros deste ano aos 180.000 euros do vindeiro.  Achegaranse 290.000 euros aos Festivais Rías Baixas e tamén se incrementará nun 17 % a partida destinada a apoiar entidades relacionadas co sector turístico da provincia coma a Ruta do Viño Rías Baixas, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Española da Camelia ou o Consorcio de Empresarios Turísticos, que sumarán un investimento total de 56.000 euros en 2024. Ademais, a Deputación de Pontevedra achegaralles 280.000 euros aos concellos para sufragar os custos de persoal de atención das oficinas de turismo da provincia e tamén recibirán 78.000 euros as festas de interese turístico nacional e internacional.

Mellora de infraestruturas e servizos

En canto ás infraestruturas e aos servizos prestados por Turismo Rías Baixas, o Goberno de Luis López asignará unha partida de 200.000 euros ao novo contrato para xestionar a atención ao público e as visitas no castelo de Soutomaior, 156.000 euros ás obras da envolvente do castelo de Sobroso e outros 40.000 á mellora no edificio do palacete das Mendoza. Tamén se desenvolverá unha aplicación informática para xestionar as visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso, para a que se achegarán 29.000 euros en 2024. Pola súa banda, investiranse 50.000 euros para a iluminación de Nadal do castelo de Soutomaior e incrementaranse as partidas destinadas a actividades culturais neste recinto en 15.000 euros, que pasarán dos 50.000 euros de 2023 aos 85.000 euros de 2024.

O Orzamento máis alto da historia da Deputación

O Orzamento total da Deputación de Pontevedra para o 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 millóns de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia.  Aumenta, con respecto ao 2023, un 4,2 %, o que supón máis de 7,6 millóns de euros respecto a 2023, unha suba de 30 millóns de euros comparado co 2019 e de 35 millóns respecto ao 2016, anos de inicio de mandato do Goberno anterior.