A Deputación destinará en 2024 máis de 66 millóns de euros á cooperación e acción comunitaria cos concellos, un 16,4 % máis que este ano

Un terzo do orzamento total da institución provincial para 2024 destinarase a modernizar os concellos e mellorar a atención á veciñanza. Son as contas do municipalismo, con 9,3 millóns de euros máis para os concellos o vindeiro ano

09/11/2023

Os orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2024 son as contas do municipalismo. Deste xeito, un terzo do Oorzamento total da institución provincial para o vindeiro ano destinarase directamente a modernizar os concellos e mellorar a atención á veciñanza; os 66,6 millóns de euros dirixidos á cooperación e acción comunitaria supoñen un 16,4 % e 9,3 millóns de euros máis que este ano.  “Estas contas son un reflexo claro das nosas prioridades. Non só nos declaramos municipalistas. A colaboración e o apoio non é unha frase bonita, é un feito que se reflicte nestas contas”, asegurou Luis López na presentación do Orzamento para o próximo ano.

+Provincia

Unha das grandes partidas do Servizo de Cooperación e Acción Comunitaria será para o plan +Provincia, que en 2024 estará dotado con 48,2 millóns de euros, a cifra máis alta da historia destes plans de investimentos da Deputación para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. En liñas xerais, +Provincia medra un 9,5 % con respecto a este ano, o que se traduce en 4,2 millóns de euros máis para o anteriormente coñecido como Plan Concellos, que, ao longo dos seus oito anos de vixencia, soamente se incrementou en 4 millóns de euros (40 millóns en 2016 e 44 millóns en 2023).

+Provincia contará con catro liñas de actuación. Así, xunto aos investimentos, ao emprego e ao gasto corrente que xa contemplaba o Plan Concellos, haberá unha nova para que os concellos da provincia poidan redactar proxectos de futuro.

Pontevedra e Vigo

O apoio ás grandes cidades da provincia queda tamén garantido nos orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2024. Deste xeito, ambas as cidades seguirán contando cun convenio específico para cada unha dotado con 7,5 millóns de euros; unha cifra que poderá medrar a medida que se formulen proxectos de colaboración concretos.

Plan Provincia Comunitaria

A colaboración e proximidade coas demais administracións e co tecido asociativo da provincia caracterizará tamén a acción de goberno da Deputación en 2024. Para materializar este compromiso, o executivo provincial incluirá nos seus orzamentos o Plan Provincia Comunitaria, dotado con máis de dous millóns de euros, para apoiar o labor das asociacións dos concellos de Pontevedra.  

Haberá unha liña destinada ás comunidades regantes, o Plan +Aqua, que estará dotada con preto dun millón de euros para axudar nas tarefas de abastecemento e explotación responsable dos recursos hídricos da provincia.

Convenio coa Axencia Tributaria Galega

Outra das grandes novidades que lles afectan directamente aos concellos da provincia será o convenio coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA). O obxectivo deste convenio pioneiro non é outro que facilitar que os concellos poidan ingresar as débedas fiscais que ata agora eran imposibles de recadar.

O Orzamento máis alto da historia da Deputación

O Orzamento total da institución provincial para 2024 será o máis alto da súa historia, con máis de 189 millóns de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia. Aumenta, con respecto a 2023, un 4,2 %, o que supón máis de 7,6 millóns de euros, unha suba de 30 millóns comparado co ano 2019 e de 35 millóns respecto ao 2016, anos de inicio de mandato do Goberno anterior.