A Deputación destina preto de 230.000 euros a mellorar a atención ás e aos visitantes no Museo de Pontevedra e nos castelos de Soutomaior e Sobroso
O presidente Luis López avanzou que o vindeiro xoves, 18 de xaneiro, se presentará no vestíbulo do Pazo provincial da Deputación un adianto da nova campaña de promoción turística da provincia para o 2024, que se estreará este mesmo mes en FITUR
12/01/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de darlle luz verde a destinar preto de 230.000 euros para prestarlles unha mellor atención e servizos ás e aos visitantes do Museo de Pontevedra e dos castelos de Soutomaior e Sobroso. O presidente provincial, Luis López, detallou que preto de 200.000 euros irán dirixidos á xestión do centro de acollida e atención ao público no castelo de Soutomaior e 30.000 euros ao desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica de xestión automatizada das visitas ao Museo de Pontevedra e aos castelos de Soutomaior e Sobroso.
No que respecta ao centro de acollida e atención ao público no castelo de Soutomaior, cuxa xestión acaba de ser adxudicada na Xunta de Goberno, o presidente explicou que o novo servizo contempla o control de acceso, a venda e reserva de entradas, o acompañamento e explicación tanto da musealización coma dos xardíns, a atención e información ao público, a elaboración de enquisas, e a colaboración na celebración de actividades.
Pola súa banda, o Goberno de Luis López tamén adxudicou o desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica automatizada das visitas tanto ao Museo de Pontevedra coma aos castelos de Soutomaior e Sobroso. “O noso obxectivo —asegurou o presidente— é mellorar o sistema de acceso e venda de entradas dos tres centros a través dun sistema de billetes unificado e interconectado que permitirá adquirir entradas, reservar visitas, pagar mediante sistemas coma Bizum e obter información en inglés, francés, italiano e portugués, ademais de galego e español”.
“Seguimos dando pasos —engadiu Luis López— na prestación dun servizo de calidade para as persoas que nos visitan”. Neste eido, o presidente provincial avanzou que o vindeiro xoves, 18 de xaneiro, no vestíbulo do Pazo provincial presentarase un adianto da nova campaña de promoción turística da provincia para o 2024. “A estrea —asegurou— será en FITUR, este mesmo mes, entre o 24 e o 28 de xaneiro, ata onde nos desprazaremos para dar a coñecer a ampla e diversa oferta do noso destino”.