A Deputación unificará os servizos de xestión das visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso e ao Museo de Pontevedra

O principal obxectivo desta actuación, na que a institución provincial investirá 150.000 € nos próximos catro anos, é mellorar a experiencia das e dos visitantes ao acceder aos maiores atractivos turísticos e culturais da Deputación

24/11/2023

Luis López - Rueda de Prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación na Xunta de Goberno do expediente de contratación dunha plataforma tecnolóxica de xestión automatizada das visitas ao Museo de Pontevedra e aos castelos de Soutomaior e Sobroso. A institución provincial dedicará 150.000 € a este servizo durante os próximos catro anos co obxectivo de implementar “unha mellora para a experiencia dos usuarios á hora de acceder aos maiores atractivos turísticos e culturais dos que dispón a Deputación de Pontevedra”.

Con esta nova plataforma, asegurou o presidente provincial, “imos mellorar os sistemas de acceso e venda de entradas destes tres centros co obxectivo de axilizar este servizo”. Este novo sistema vai “unificar os tres sistemas de venda de entradasque na actualidade están individualizados para permitir que estean interconectados e, así, que se poida xestionar dunha forma moito máis rápida o acceso”. O novo servizo permitirá tamén “obter información das visitas para poder facer melloras nos servizos prestados e nos recintos”.

O Sistema de Xestión Automatizada da Visita incluirá o sistema de adquisición de entradas e reserva de visitas (renovaranse os portais web dedicados a este fin e, ademais, ampliarase o abano de novas fontes de pago), a orde do fluxo das visitas, a xestión de accesos e validación de entradas, a xestión da dispoñibilidade dos espazos, a creación dunha canle específica para profesionais do turismo, a atención aos visitantes en liña, a elaboración de estatísticas e analíticas de datos, a implementación dun sistema de comercialización, a dotación dos equipos e programas necesarios e  facilitarase a integración da ferramenta con outros sistemas aos que deberá proporcionar información, entre outras cuestións.

O contrato inclúe todas as modalidades de visita. No castelo de Soutomaior, todas as visitas autoguiadas e guiadas, as visitas familiares e as escolares. No caso do castelo de Sobroso, as visitas ordinarias, as reducidas, as familiares e as escolares. E para o Museo de Pontevedra, as visitas escolares, as visitas ás ruínas, as dos edificios Castelao e Sarmiento, as de Santa Clara, as de Castro Monteagudo e García Flórez e tamén as grupais.

Luis López asegurou que “seguimos no noso compromiso de converter a provincia de Pontevedra nun sinónimo de excelencia turística” e lembrou que “o turismo vai ter un gran protagonismo neste mandato provincial, cunha suba real de 1,1 millóns de euros no orzamento de 2024”.

videos

audios