A Deputación investirá 210.000 euros no 2024 para a posta en marcha do Centro de acollida e atención ao público do castelo de Soutomaior

Luis López asegurou que “queremos compartir que Pontevedra é desfrutar e, neste eido, o castelo é un dos elementos de atracción máis importantes da provincia”

10/11/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o expediente de contratación para establecer un servizo de xestión do Centro de acollida e atención ao público no castelo de Soutomaior. A instalación terá un orzamento de preto de 210.000 euros para o próximo 2024 (con posibilidade de prórroga durante outros tres anos) e contribuirá á dinamización turística desta fortaleza propiedade da Deputación. O presidente provincial, Luis López, sinalou que “queremos compartir que Pontevedra é desfrutar e, neste eido, o castelo de Soutomaior é un dos elementos de atracción máis importantes da provincia”.

O novo servizo inclúe cuestións coma o control do acceso e rexistro do número de visitantes, a planificación, organización, promoción, acompañamento e explicación das visitas (tanto da musealización coma dos xardíns), a promoción e difusión do coñecemento do castelo como un dos principais recursos turísticos culturais do Destino Rías Baixas, así como a promoción e difusión de recursos tanto do municipio de Soutomaior como de toda a provincia, a atención e información ao público tanto no interior do recinto coma no exterior, en persoa ou na web, e o acollemento e colaboración na realización de actos institucionais e actividades organizadas polo castelo.

O contrato tamén suporá que a empresa adxudicataria se encargue da posta en marcha e supervisión do funcionamento dos equipos e sistemas instalados no castelo, o mantemento das instalacións, os gastos de administración e equipos de comunicación, a elaboración de enquisas para elaborar perfís do público, coa elevación de datos estatísticos e presentación de resultados para integralos no Sistema de Enquisas de Turismo Rías Baixas, a venda e reserva de entradas, produtos, actividades e servizos que sirvan de apoio á visita e respondan a campañas impulsadas polo castelo e, por último, a xestión do sitio web e das redes sociais.

O castelo e os seus xardíns, de excelencia internacional en camelia, convertéronse nun dos recursos turísticos máis visitados da provincia de Pontevedra. Conta ademais con dous importantes distintivos de calidade como son o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e o Q de Calidade, e contar con este novo servizo é fundamental para a súa futura renovación. De feito, as tarefas encamiñadas á renovación son tamén unha das cuestións incluídas no contrato. Para iso, a adxudicataria deberá contratar como mínimo cinco perfís, dous de técnicos de turismo e tres de informadores turísticos.

Con estes recursos para o castelo de Soutomaior e co Plan Estratéxico Provincial de Turismo que está a elaborar na actualidade o Goberno provincial “imos consolidar a provincia de Pontevedra como o puntal turístico de Galicia e do noroeste peninsular. De feito, asegurou o presidente Luis López, os orzamentos contemplan para o 2024 unha suba real de 1,1 millóns de euros” para a área de Turismo.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.