A Deputación pecha este venres as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior, con máis de 1.000 persoas participantes

As visitas teatralizadas para público adulto remataron a pasada fin de semana e este venres farano as dirixidas ás familias, con dous pases ás 16:00 e 17:30 horas

30/10/2024

A Deputación de Pontevedra pecha este venres as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior, con máis de 1.000 persoas participantes. As visitas para público adulto tiveron lugar ata a pasada fin de semana, todos os venres e sábados de outubro ás 20:00 e 21:45 horas. No caso das visitas dirixidas ás familias pecharanse este venres, 1 de novembro, con dúas quendas ás 16:00 e 17:30 horas.

Nas visitas para familias hai cabida para sustos suaves, humor e un toque de misterio que encantará tanto a pequenos como adultos. Pola súa banda, as visitas para público adulto, xa rematadas, consistiron nunha experiencia nocturna única e aterradora visitando da man da pantasma Félix as distintas zonas do castelo, onde haberá desagradables encontros.  Tanto as visitas dirixidas a público adulto como ás familias corren neste 2024 a cargo de Troula Animación.

As visitas de Samaín ao Castelo de Soutomaior incrementaron neste ano as súas prazas, pasando das 700 ás 1.020 deste 2024 trala elevada demanda rexistrada o pasado ano. En total organizáronse 16 visitas para público adulto e 26 para infantil, organizadas en grupos de 30 persoas, e as máis de 1.000 prazas esgotáronse aos poucos días de sacar á venda as entradas na web do castelo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.