A Deputación pecha esta fin de semana as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior para público adulto
As últimas actividades para adultos terán lugar hoxe e mañá, ás 20:00 e 21:45 horas e as familiares o sábado e domingo ás 12:00, 16:00 e 17:30 horas
25/10/2024
O Castelo de Soutomaior acolle esta fin de semana as últimas visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior para público adulto. En concreto, terán lugar hoxe, día 25, e mañá sábado 26 de outubro, ás 20:00 e ás 21:45 horas. Ademais, tamén haberá pases para o público familiar, o sábado e o domingo, 26 e 27 de outubro, ás 12:00, 16:00 e 17.30 horas. As visitas chegan ao seu fin o vindeiro 1 de novembro, con dúas citas para familias ás 16:00 e 17:30 horas.
As visitas para público adulto consistirán nunha experiencia nocturna única e aterradora visitando da man da pantasma Félix as distintas zonas do castelo, onde haberá desagradables encontros. Pola súa banda, nas visitas familiares haberá cabida para sustos suaves, humor e un toque de misterio que encantará tanto a pequenos como adultos. Tanto as visitas dirixidas a público adulto como ás familias serán a cargo de Troula Animación.
En total, a institución provincial ofertou máis de 1.000 prazas para desfrutar destes percorridos cargados de misterio e humor, nos que foi posible coñecer o lado máis terrorífico e divertido da historia da fortaleza durante este mes de outubro.