Luis López destaca que os 3,7 M€ investidos pola Deputación nas instalacións deportivas de A Estrada reforzan ao concello como un piar da “provincia do deporte”

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, lembrou que a aposta provincial inclúe a inaugurada pistas de atletismo, a construción dun módulo polideportivo e a reforma da piscina

21/10/2024

3,7 M€ investidos nas instalacións deportivas de A Estrada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o esforzo e compromiso da Deputación para dotar de instalacións e infraestruturas deportivas modernas e de calidade aos concellos para seguir posicionando a Pontevedra como “a provincia do deporte”. Fíxoo na inauguración das novas pistas de atletismo da Estrada, unha obra para a que a institución provincial achegou 855.000 euros a través do programa ReacPon. “Non só somos a provincia do deporte por organizar eventos de interese internacional como mundial de enduro que tivemos a semana pasada nesta comarca. Tamén somos a provincia do deporte porque temos as instalación adecuadas para selo. E esta pista de atletismo que vimos inaugurar hoxe é unha nova proba”, sinalou Luis López na inauguración destas instalacións, na que tamén estivo presente a deputada provincial de Infraestruturuas, Isabel Couselo; así como o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo.

A nova pista de atletismo da Estrada xorde da colaboración entre as administracións provincial e municipal a través do programa ReacPon para executar un proxecto valorado en 1,3 millóns de euros, dos que o ente provincial achegou 855.000 euros, e que consistiu no aproveitamento dun terreo en desuso da contorna da Academia Galega de Seguridade para instalar unha instalación completa para a práctica de diversas disciplinas do atletismo, desde probas de velocidade, ata saltos e lanzamentos.

“Unha instalación que fará da Estrada un dos concellos con mellores equipamentos deportivos da provincia”, afirmou o presidente Luis López facendo referencia a outras actuacións en materia deportiva que a Deputación ten en marcha neste concello como son a construción dun módulo polideportivo cuberto ao abeiro do PON2030 valorado en dous millóns de euros ou a modernización da piscina municipal por 450.000 euros a través do +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A Estrada é un exemplo do obxectivo que persegue a Deputación en todos os municipios da provincia. “Queremos seguir sendo a provincia do deporte e con ese obxectivo aprobamos o pasado venres nun pleno as bases do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”, recalcou o dirixente provincial lembrando a posta en marcha da segunda edición dun plan que xa ten as súas bases aprobadas. Unha nova entrega dun programa que tivo unha excelente acollida nos concellos e que o vindeiro ano dobra o seu orzamento ata situarse en 8 millóns de euros e multiplica achega mínima que recibirán os concellos, que pasa dos 20.000 euros do presente ano 2024, aos 75.000 euros que lle corresponderán no vindeiro 2025.

Galerias de imaxes