A Deputación ten aberto ata o domingo no Museo de Pontevedra a exposición ‘Pregar a pintura’, de estudantes, graduados e doutorandos da Facultade de Belas Artes

A mostra, comisariada por Carlos Fer, conta con pezas de 12 artistas dunha xeración marcada polo dixital pero que nas súas creacións foxen “do puído das pantallas”

15/07/2024

Rafa Domínguez na conferencia de prensa

O próximo domingo 21 de xullo pechará as súas portas no Museo de Pontevedra a exposición ‘Pregar a pintura’, unha mostra organizada polo Museo e a a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que reúne obra de 12 artistas que están a cursar ou veñen de rematar os seus estudos de grao na facultade pontevedresa, unidos por un concepto común: presentan obras nas que a pintura se expande máis alá das dúas dimensións do lenzo.

A exposición pódese visitar no claustro do Edificio Sarmiento. Está comisariada polo artista e doutorando da Universidade de Vigo, Carlos Fer, que propón trazar “un retrato actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra con estudantes recentemente graduadas e doutorandas pertencentes a unha xeración marcada polo dixital que, á súa vez, crean unha arte prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano do virtual, antagónica ao raso de imaxes coma as do cinema ou a fotografía”.

Participan en total 12 artistas vinculados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra: estudantes, graduados e doutorandos: Alberto Ardid, Manuel Balsas, Julio Catalán, Sabela Condesa, Isis Huerga, Tatiana Lameiro, Sol Mussa, Andrea Otero, Sara Piñeiro, Cristina Souto, Goa Vázquez e Ruth Vidal. 

Entre as propostas que presentan, atopámonos as transformación dos  lenzos nas “Celebracións” de Alberto Ardid e o “Bastidor roto” de Manuel Balsas; tamén as reinterpretacións das cartografías e a superficie do territorio nas pezas de Julio Catalán, Isis Huerga, Sol Mussa e Ruth Vidal; o traballo con tecidos de Cristina Souto, Goa Vázquez, Sara Piñeiro e Andrea Otero; e a resignificación da pintura presente, entre outras, nas pezas de Tatiana Lameiro e Sabela Condesa.

Esta exposición dá continuidade á liña de colaboración entre o Museo de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, tomando o relevo das exposicións organizadas conxuntamente en anos anteriores. Á último foi ‘Campo de sementes 2’, que se puido visitar do 23 de novembro de 2023 ao 28 de xaneiro de 2024 no Edificio Castelao.