A Deputación acolle no Museo de Pontevedra unha mostra na que estudantes, graduados e doutorandos da Facultade de Belas Artes presentan propostas nas que a pintura supera as dúas dimensións do lenzo
O vicepresidente Rafa Domínguez inaugura este mércores ‘Pregar a pintura’, comisariada por Carlos Fer, con pezas de 12 artistas dunha xeración marcada polo dixital pero que nas súas creacións foxen “do puído das pantallas”
21/05/2024
O Museo de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo continúan a súa colaboración cun novo proxecto que abre as súas portas este mércores ás 19:30 horas: a exposición ‘Pregar a pintura’. A mostra, que será inaugurada polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez, reúne 12 artistas que están a cursar ou veñen de rematar os seus estudos de grao na facultade pontevedresa, unidos por un concepto común: presentan obras nas que a pintura se expande máis alá das dúas dimensións do lenzo. Poderá visitarse ata o 21 de xullo no claustro do Edificio Sarmiento.
O comisario, o artista e doutorando da Universidade de Vigo, Carlos Fer, explica que a exposición pretende “debuxar un retrato actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra con estudantes recentemente graduadas e doutorandas pertencentes a unha xeración marcada polo dixital que, á súa vez, crean unha arte prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano do virtual, antagónica ao raso de imaxes coma as do cinema ou a fotografía”.
Segundo o comisario, estas propostas reformulan o concepto de cadro como xanela, “para incorporar linguaxes máis relacionadas coa existencia humana e fuxir da bidimensionalidade inexistente na natureza”. Participan en total 12 artistas vinculados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra: estudantes, graduados e doutorandos: Alberto Ardid, Manuel Balsas, Julio Catalán, Sabela Condesa, Isis Huerga, Tatiana Lameiro, Sol Mussa, Andrea Otero, Sara Piñeiro, Cristina Souto, Goa Vázquez e Ruth Vidal.
Entre as propostas que presentan, atopámonos as transformación dos lenzos nas “Celebracións” de Alberto Ardid e o “Bastidor roto” de Manuel Balsas; tamén as reinterpretacións das cartografías e a superficie do territorio nas pezas de Julio Catalán, Isis Huerga, Sol Mussa e Ruth Vidal; o traballo con tecidos de Cristina Souto, Goa Vázquez, Sara Piñeiro e Andrea Otero; e a resignificación da pintura presente, entre outras, nas pezas de Tatiana Lameiro e Sabela Condesa.
Esta nova exposición dá continuidade á liña de colaboración entre o Museo de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, tomando o relevo das exposicións organizadas conxuntamente en anos anteriores. Á último foi ‘Campo de sementes 2’, que se puido visitar do 23 de novembro de 2023 ao 28 de xaneiro de 2024 no Edificio Castelao.