A programación de verán no Museo de Pontevedra xirará arredor de ‘A era das fábulas’, unha exposición na que a súa colección conversa coas da Fundación María José Jove e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary

A mostra, que se inaugurará o 10 de xullo, explora en tres actos o interese da arte polo poder rexenerador da fantasía

11/06/2024

Verán no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra, que depende da Deputación de Pontevedra, dá a coñecer as actividades que desenvolverá durante os vindeiros meses de xuño, xullo e agosto. O verán no Museo estará marcado pola exposición central da programación deste ano: ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. Trátase dunha conversa entre as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, que se inaugurará o próximo 10 de xullo e poderá visitarse ata o 29 de setembro no Edificio Castelao, onde ocupará as tres salas de exposicións temporais e outros espazos anexos.  

A mostra está comisariada por Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary) e Ángeles Tilve (Museo de Pontevedra). As coleccións da Fundación María José Jove e de TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary vincúlanse cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra nunha exposición estruturada en tres actos. Así, baixo os epígrafes “Acto I. Imaxinación-mar”, “Acto II. Transformación-terra” e “Acto III. Renacemento-aire”, mostraranse obras de Maruja Mallo, Vasili Kandinski, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Noa e Lara Castro ou Teresa Solar, entre outros e outras artistas.

A exposición xira arredor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade. A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría. A arte, ao igual que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada y reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.

Durante os vindeiros meses tamén permanecerán abertas no Museo a exposición ‘Pregar a pintura’, un retrato actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra con estudantes recentemente graduadas e doutorandas, ata o 21 de xullo; e ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’, o primeiro proxecto do ciclo ‘Infiltracións’, no que a artista investiga sobre as cores da pel a través dunha selección de pinturas e esculturas da exposición permanente do Museo, ata o 15 de setembro.

Obradoiros, concertos e conferencias 

En xullo e agosto, o Museo organiza os obradoiros de verán dirixidos a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Cada semana, nas mañás do martes ao venres, desenvolverase unha das quendas dos cinco obradoiros que se sucederán ao longo dos dous meses: un obradoiro da técnica de colaxe paste up, impartido por Sofía Venzel e Míchel Casado; creación dun álbum de verán, coa ilustradora Alba Santa; un obradoiro de colaxe a cargo do ilustrador Diego Estebo; un taller de creación artística inspirado na exposición ‘A era das fábulas’, por Leucoíña Pasea; e un obradoiro de historia e creación de mosaicos, impartido por Anastasia Ogando e Estefanía Viyella.

Ademais, os sábados 6, 13 e 20 de xullo, Taller Abierto desenvolverá percorridos en familia por ‘A era das fábulas’, dirixidos a nenas e nenos a partir de 6 anos na compañía dunha persoa adulta. Esta actividade contará con novas quendas no mes de setembro.

A programación de concertos do verán arranca co recital de lieder alemáns de Ralf Glasz (tenor) e Rasa Biveiniene Jakutyte (piano), que o mércores 26 de xuño interpretarán composicións de Ludwig van Beethoven e Franz Schubert. O venres da mesma semana, nun rexistro moi diferente, Santi Araújo presentará a bossa nova, folk e psicodelia do seu novo disco, ‘Canciones para bailar’.

Xa en xullo chegará a 15ª edición das Noites de Música Antiga, con tres concertos no claustro do Edificio Sarmiento: Vestigium o 5 de xullo, La Bellemont o día 12 e Ars Longa pechando o ciclo o venres 19 de xullo. A programación musical complétase cunha charla-concerto o 27 de xuño, na que Rubén Troitiño afonda na historia de Avelino Cachafeiro e Os Gaiteiros de Soutelo.

O 21 de xuño, o ex secretario técnico do Museo, José Fuentes Alende, presenta o seu exhaustivo estudo en dous tomos sobre os exvotos en Galicia e a súa significación na relixosidade popular. A programación de investigación e divulgación continúa coa xornada ‘Arredor dun Feito Histórico. O Retorno de Castelao a Galicia, 28 de Xuño de 1984’, na que protagonistas directos daquel día repasarán o acontecido aquel día cando se cumpren 40 aniversario do regreso dos restos de Castelao. Finalmente, o 18 e 19 de xullo volven ao Museo as Xornadas de Exiptoloxía, con dúas conferencias dos exiptólogos Teresa Bedman e Francisco Martín-Valentín.

Ligazóns de interese

documentos