A Deputación arranca este martes o taller ‘Historia e creación de mosaicos’, co que rematan os obradoiros de verán do Museo

Desenvolverase en dúas quendas, esta semana e a vindeira, xa coas prazas completas

19/08/2024

Obradoiros de verán do Museo de Pontevedra 2024

A Deputación de Pontevedra arranca a recta final dos obradoiros de verán do Museo de Pontevedra coa primeira quenda do último dos talleres propostos, ‘Historia e creación de mosaicos’. A actividade, que conta xa con todas as prazas completas, comeza este martes 20 de agosto.

O obradoiro está dirixido ás nenas e nenos de 6 a 12 anos, e desenvólvese de martes a venres entre as 11:30 e as 13:00 horas. A partir do mosaico coa representación de Baco presente na exposición ‘A era das fábulas’, a rapazada aprenderá sobre a rica historia desta arte e creará a súa propia obra. Encárganse de impartir este obradoiro Anastasia Ogando e Estefanía Viyella.

Con este complétase a oferta de obradoiros que o Museo preparou para as mañás de xullo e agosto deste verán, no que ao seu remate terán pasado polos talleres arredor de 120 nenas e nenos. A oferta incluíu achegamentos ás obras da colección do Museo e ás presentes na exposición temporal ‘A era das fábulas’ a través da ilustración, os mosaicos, o colaxe e outras técnicas creativas.

Ligazóns de interese