A Deputación abre o próximo martes a inscrición aos obradoiros de verán do Museo de Pontevedra

Son cinco propostas diferentes para nenas e nenos de 6 a 12 anos, con quendas semanais ao longo dos meses de xullo e agosto

15/06/2024

Obradoiros de verán do Museo de Pontevedra 2024

O Museo de Pontevedra ofrecerá este verán un novo conxunto de obradoiros infantís para as mañás dos meses de xullo e agosto. Están dirixidos ás nenas e nenos de 6 a 12 anos, que se achegarán ás obras da colección do Museo e ás presentes na exposición temporal 'A era das fábulas' a través da ilustración, os mosaicos, o colaxe e outras técnicas creativas. As inscricións aos obradoiros abren este martes 18 de xuño ás 9:00 h a través da web do Museo.

Do 2 de xullo ao 30 de agosto, cada semana un grupo de rapazas e rapaces participarán nunha das quendas dos cinco obradoiros que se ofrecen. Todos son de balde, contan con 15 prazas e desenvolveranse de martes a venres entre as 11:30 e as 13:00 h. As prazas atribuiranse por orde de inscrición.

Estes son os obradoiros que se ofrecen:

  • Se a Miña Avoa Tivese Rodas, obradoiro de paste up
    • Do 2 ao 5 de xullo / do 9 ao 12 de xullo
    • Ata 1910 as mulleres tiñan restrinxido o acceso a estudos superiores. Mediante este obradoiro, impartido polos ilustradores especializados en arte urbana Sofía Venzel e Míchel Casado, as nenas e nenos participantes coñecerán de cerca a loita das mulleres pola igualdade mediante a técnica do colaxe paste up.
  • Álbum de Recordos dunhas Vacacións no Museo
    • Do 16 ao 19 de xullo
    • Tomando como referencia obras expostas no Museo de Pontevedra, as nenas e nenos participantes ilustrarán e decorarán o seu propio álbum de verán. Este obradoiro impárteo a ilustradora Alba Santa.
  • Creando Personaxes Xogando co Papel, obradoiro de colaxe
    • Do 23 ao 26 de xullo
    • O ilustrador Diego Estebo ensinaralles ás nenas e nenos participantes a crear personaxes que se inspiren nalgunhas das obras expostas no Museo e a materializalos mediante a técnica da colaxe.
  • Art Lab: Creamos... de Fábula
    • Do 6 ao 9 de agosto / do 13 ao 16 de agosto
    • Coa inspiración da exposición A era das fábulas, Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que as nenas e nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outras e outros artistas. Que historias e lendas se poden agochar detrás de cada unha destas obras?
  • Historia e Creación de Mosaicos
    • Do 20 ao 23 de agosto / do 27 ao 30 de agosto
    • A partir do mosaico coa representación de Baco presente na exposición A era das fábulas, a rapazada aprenderá sobre a rica historia desta arte e creará a súa propia obra. Este obradoiro impartirano Anastasia Ogando e Estefanía Viyella.