Rafa Domínguez pon en valor a traxectoria de Gervasio Sánchez, fotoxornalista especializado en conflitos bélicos que participará na Bienal de Arte de Pontevedra

O vicepresidente asistiu no Salón de Plenos do Pazo provincial a un novo encontro de “Conversas con arte”, o ciclo que achega distintas manifestacións artísticas á cidade de Pontevedra para posicionala como destino cultural por excelencia

25/11/2024

Rafa Domínguez e Gervasio Sánchez

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este luns no Salón de Plenos do Pazo provincial nunha nova sesión do ciclo “Conversas con arte”, na que o protagonista foi o premiado fotoxornalista Gervasio Sánchez, que xa está confirmado como un dos próximos participantes na Bienal de Arte de Pontevedra que chegará á cidade en 2025. O vicepresidente puxo en valor a traxectoria profesional do artista, moi centrada nos conflitos bélicos, e lembrou que precisamente un dos leit motiv da Bienal é a reflexión arredor do momento que está a atravesar na actualidade o mundo.

As guerras, o cambio climático, os movementos migratorios e a súa xestión, a transición verde e dixital ou a Intelixencia Artificial son algunhas das cuestións que centrarán a Bienal, co nome “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”. Neste sentido, Rafa Domínguez salientou que “Gervasio Sánchez é un gran profesional que leva décadas amosándonos a través da lente a dor e o sufrimento que se viven nos conflitos bélicos ao longo de todo o mundo: o medo, a fame, a destrución das cidades e vilas, a morte, a fuxida…”. O vicepresidente provincial sinalou que “este encontro de hoxe funciona como unha antesala do que poderemos ver na Bienal o próximo ano, e por iso queriamos que nos acompañase”.

O vicepresidente da Deputación lembrou que o obxectivo do ciclo “Conversas con arte” é difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia, así como “seguir avanzando no posicionamento da provincia e da cidade como destinos culturais por excelencia”. Gervasio Sánchez toma a remuda de José María Barreiro, Antón Pulido e César Antonio Molina, protagonistas dos anteriores encontros do programa desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril. Ao igual que as quendas anteriores, o encontro foi retransmitido en directo e gravado para poder emitirse posteriormente en formato vídeo e podcast a través das plataformas YouTube e Spotify.

Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) é licenciado en Xornalismo e traballou como independente para medios como a Cadena Ser, o servizo español da BBC ou El Heraldo de Aragón, especializándose en conflitos armados. Foi enviado especial en numerosas guerras en América do Sur, na guerra do Golfo, así como noutros conflitos situados na antiga Iugoslavia ou nos continentes de África e Asia. Entre os seus numerosos premios salientan o Premio Nacional de Fotografía, a Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social, o Premio de Andalucía de Cultura na modalidade de Fotografía, o título de Enviado Especial da UNESCO pola Paz ou a Medalla ao Mérito Profesional do Goberno de Aragón.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.