A Deputación dá comezo aos primeiros obradoiros do programa “Provincia activa”, co que busca impulsar o envellecemento activo
Na vindeira semana iniciarán os talleres máis de 70 persoas maiores de catro asociacións de Campo Lameiro, Lalín e Vigo
01/06/2024
A Deputación de Pontevedra inicia este luns, 3 de xuño, os obradoiros do programa “Provincia activa”, co que a institución impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomenta a participación e crea espazos de encontro e intercambio de experiencias. Ata 72 persoas maiores de catro asociacións de Campo Lameiro, Lalín e Vigo serán as primeiras que poderán desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana.
Este luns 3 de xuño 17 persoas da Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, de Vigo, comezarán o curso do nivel avanzado de informática, mentres que o xoves 6 de xuño comezarán os outros tres. Neste caso serán 15 persoas da Asociación de Veciños de Monexas de Lalín, os que empezarán co curso de ioga; 25 persoas da Asociación de Veciños de Coruxo de de Vigo, o de bailes de salón, e 15 persoas da Asociación Veciñal de Fragas de Campo Lameiro, darán comezo ao de plantas medicinais.
En total, a Deputación ofertou neste 2024 14 obradoiros no catálogo de “Provincia Activa” divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). “Provincia Activa” conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e desfrutarán dos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.