A vicepresidenta Luisa Sánchez fai entrega de diplomas do curso de informática do programa da Deputación “Provincia Activa”

22/07/2024

Entrega de diplomas Provincia Activa

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de entregar os diplomas do curso de informática do programa provincial “Provincia Activa” ás persoas participantes, todas elas da Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo de Valadares.  “Provincia Activa”, tal e como recordou Sánchez, “trátase dun programa para favorecer o envellecemento activo e crear espazos de encontro e intercambio de experiencias” a través de accións formativas. Neste caso, os integrantes da asociación de Valadares adquiriron coñecementos avanzados de informática, así como aprenderon a manexar programas como Word, Excel ou PowerPoint.

Para a vicepresidenta provincial “é fundamental incrementar, optimizar e mellorar a oferta de actividades dirixidas a persoas maiores” e “esta é a razón de ser do novo programa Provincia Activa, un programa que mellora a calidade de vida da cidadanía de Pontevedra e permite, ademais, conectar a persoas con intereses similares”.