A Deputación expón as súas iniciativas de conservación da natureza nun encontro entre administracións provinciais en Araba
O deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, participou na xornada organizada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza e a Deputación Foral
18/06/2024
O deputado de Medio Ambiente e Mar da Deputación de Pontevedra, Marcos Guisasola, participou este martes no primeiro Encontro de Deputacións, Cabidos e Consells enfocado na conservación da natureza, organizada polo Comité Español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza en colaboración coa Deputación Foral de Araba. O evento celebrouse na Casa Palacio da Deputación Foral co obxectivo de promover o intercambio de experiencias, boas prácticas e sinerxías entre administracións nese ámbito, en consonancia coa liña da Deputación de “tender pontes para tomar nota desas boas prácticas que se están implantando no noso territorio para avanzar nun aspecto tan importante como é o medio natural”, sinalou o deputado provincial.
Marcos Guisasola agradeceu o convite, “un recoñecemento explícito ao extenso traballo que realizamos nesta materia” xa que “defendemos a nosa contorna natural, que é un dos nosos grandes activos e puntos fortes”. A este respecto, o deputado comezou sinalando a importancia de dous centros de referencia para os sectores produtivos da provincia e Galicia como son a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Finca Mouriscade, desde os que, respectivamente, “axudamos o sector agrícola asesorándoo en todo o relativo á sanidade dos cultivos, e as ganderías analizando alimentos e augas e cun programa de mellora xenética que nos sitúa como a quinta mellor explotación gandeira de España, pasando do posto 35 ao 5 en só 3 anos”.
O deputado salientou a recuperación da Xunqueira de Alba de Pontevedra, “4 millóns de euros para demoler as nosas infraestruturas e naturalizar e recuperar 20.000 m2 neste espazo natural protexido”. Ademais, Guisasola expuxo o proxecto “Biocosteiro”, financiado con fondos FEDER para a preservación de aves en sistemas de dunas na franxa marítimo-terrestre do espazo transfronteirizo. “Algunhas das aves migratorias que se asentan nela están protexidas, en perigo, vulnerables e ameazadas, e por iso actuamos para paliar o problema das especies exóticas invasoras e para desenvolver un modelo de xestión turística responsable e sostible”, sinalou o deputado, que tamén anunciou que a Deputación acaba de recibir a preaprobación, pendente de resolución definitiva, dun proxecto para impulsar a economía azul e a protección dos ecosistemas mariños. E, entre as boas prácticas levadas a cabo pola institución, lembrou as actividades de sensibilización ambiental (“+Bosques”, “Voando nas Rías Baixas”) ou as iniciativas de compostaxe.
Marcos Guisasola defendeu o compromiso do goberno da Deputación de Pontevedra co municipalismo “e a capacidade de acción do mundo local para levar a cabo actuacións de grande envergadura e importancia”, grazas a “un proxecto claro que pasa por coidar o noso medio ambiente e para o que esprememos o noso orzamento ao máximo ademais de optar a todas as convocatorias para lograr recursos externos que nos axuden a materializar a nosa visión: contribuír a deixar un mundo mellor do que gozamos na actualidade”.