A Deputación inicia a próxima semana os obradoiros do programa “+Xuntas” en Crecente, Lalín e Ponteareas

“+Xuntas” é un programa provincial destinado a eliminar a discriminación entre mulleres e homes a través de actividades formativas que chegarán a entidades de 53 concellos

05/08/2024

A Deputación de Pontevedra comeza esta próxima semana, a partir do luns 5 de agosto, as actividades formativas do programa "+Xuntas" nos concellos de Crecente, Lalín e Ponteareas. Mulleres de entidades sociais destas tres localidades iniciarán deste xeito as actividades formativas incluídas nunha iniciativa da Deputación que busca avanzar na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes, un dos grandes compromisos e obxectivos transversais do goberno da institución provincial.

O luns 5 de agosto, as usuarias do Colexio da Nosa Señora de Fátima Escravas da Virxe Dolorosa, en Crecente, iniciarán neste centro un curso de pintura que se celebrará os luns e mércores ás 17:30 horas ata o 20 de novembro. Ademais, o xoves 8 de agosto as usuarias da asociación do Centro Cultural de Cillarga, en Ponteareas, comezarán no seu local unha acción formativa sobre arte floral, todos os xoves ás 18:30 horas ata o 4 de decembro. Por último esta semana, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Moneixas, Lalín, formaranse en ioga todos os venres ata finais de ano ás 20:00 horas a partir do 9 de agosto no centro social da parroquia.

No marco do programa "+Xuntas" celebraranse 207 obradoiros para entidades de 53 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres, apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, xa que cada un dos cursos está dirixido a un máximo dunhas 20-25 persoas. Ás entidades ofrecéronselle 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Os obradoiros de "+Xuntas" chegarán a entidades dos concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.