A Deputación retoma os obradoiros en familia sobre a exposición ‘A era das fábulas’, con novas quendas os sábados 14, 21 e 28 de setembro

As actividades están dirixidos a nenas e nenos a partir de 6 anos acompañados dunha persoa adulta

01/09/2024

Xunta de Goberno30-08-2024

Dentro das actividades complementarias á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, o Museo de Pontevedra programou unha serie de obradoiros en familia, que se desenvolveron en xullo e agora volven nos próximos sábados 14, 21 e 28 de setembro. Están dirixidos a nenos e nenas a partir de 6 anos, en compañía dunha persoa adulta. A inscrición pódese facer a partir do martes 3 de setembro a través de Whatsapp, no número 617340323.

Os obradoiros celebraranse de 11:30 a 13:00 h, no Edificio Castelao. Cada un deles está vinculado a un acto da exposición ‘A era das fábulas. Sobre a arte e o poder rexenerador da fantasía’. Serán impartidos por Ana Barreiro e África Martínez, de Taller Abierto. Seguindo o concepto expositivo que vincula o ancestral co contemporáneo a través da fábula ou o mito, realizaranse unha serie de actividades plásticas que axuden a entender a arte ao longo da historia como reflexo do tempo no que foi creada e de entender como nos serve para reflexionar sobre temas contemporáneos.

Outras actividades relacionadas

Ata o 26 de setembro, o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 h, unha visita guiada á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.

Finalmente, o 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.