A Deputación aumenta as visitas guiadas para as últimas dúas semanas da exposición ‘A era das fábulas’ no Museo de Pontevedra
Serán os xoves e os sábados con reserva previa, que se abrirá este martes ás 9:00 h
16/09/2024
A exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’ afronta a súa recta final no Museo de Pontevedra. Debido á forte demanda das visitas guiadas gratuítas, vanse reforzar con seis quendas nestas dúas última semanas, distribuídas entre os xoves e os sábados. Serán a partir de agora con reserva previa de praza a través dun formulario que estará dispoñible na web do Museo a partir de mañá martes 17 de setembro, ás 9:00 h.
As quendas de visitas guiadas para estas dúas últimas semanas son as seguintes: xoves 19 de setembro, ás 18:00 h e ás 19:00 h; sábado 21 de setembro, ás 18:00 h; xoves 26 de setembro, ás 18:00 e ás 19:00 h; e sábado 28 de setembro, ás 12:00 h. Haberá 25 prazas dispoñibles en cada quenda. As visitas son de balde, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.
‘A era das fábulas’ é unha exposición na que as as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary establecen unha conversa desde a heteroxeneidade dos seus fondos para, a través da arte, resaltar a inmensa forza que a transmisión oral ten na nosa cultura. A exposición ‘A era dás fábulas. Pode visitarse ata o 29 de setembro.
A exposición vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade. A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría. A arte, do mesmo xeito que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada e reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.
A mostra está comisariada por Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary) e Ángeles Tilve (Museo de Pontevedra).
Outras actividades relacionadas
Ademais das visitas guiadas, nestas dúas últimas semanas vanse desenvolver unha serie de actividades relacionadas. Este venres 20 de setembro ás 19:00 h, Celso Fernández Sanmartín ofrecerá unha sesión de contacontos para público xeral no que conectará a exposición con historias de vida e relatos da tradición oral galega.
Os dous próximos sábados desenvolveranse os dos últimos obradoiros dirixidos a público familiar impartidos por Taller Abierto, dirixidos a público familiar e enfocados en axudar a entender a arte ao longo da historia como reflexo do tempo no que foi creada e de entender como nos serve para reflexionar sobre temas contemporáneos. E o próximo xoves 25 de setembro, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.