Luis López celebra que “A era das fábulas” é a exposición máis visitada da historia do Museo de Pontevedra logo de atraer a máis de 14.700 persoas

O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, destacan que a acollida deste tipo de mostras sitúan a Pontevedra no epicentro internacional da cultura

24/09/2024

exposición A era das fábulas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este martes que a exposición “A era das fábulas”, que se exhibe no Edificio Castelao ata o vindeiro 29 de setembro, xa é a exposición máis visitada da historia do Museo de Pontevedra despois de superar a barreira dos 14.700 visitantes. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, responsable dos asuntos relacionados co Museo; o mandatario provincial celebrou o éxito dunha mostra que sitúa a Pontevedra no epicentro internacional da cultura. “Celebramos que durante os 77 días que leva aberta esta mostra, non houbo nin unha soa xornada na que non atraera ningunha visita, o que confirma o que dicíamos na cita inaugural: Pontevedra demostra que o centro da cultura pode estar nos bordes dos mapas”, afirmou o presidente Luis López.

A exposición “A era das fábulas” inaugurouse o pasado 10 de xullo e pode visitarse de xeito gratuíto ata o vindeiro 29 de setembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A mostra, organizada en colaboración do Museo Thyssen-Bornemisza e a Fundación María José Jove e que tamén conta con obras dos fondos do museo provincial, inclúe obras de pintores de prestixio internacional como Miró ou Picasso.

Cunha semana de exposición aínda por diante, agárdase que “A era das Fábulas” amplíe aínda máis este rexistro histórico e mesmo supere a barreira das 15.000 visitas. De feito, esta mostra xa deixou atrás as exposicións que máis persoas atraeron da historia do Museo como son “Ruth Matilda Anderson: Un viaje por la indumentaria tradicional de Galicia”, con 14.402 visitas; Galaicos, con 13.182; Origami, con 12.214; ou Leopoldo Novoa, con 12.117. Así mesmo, houbo rexistros diarios destacados como o da xornada inaugural, con 393 visitantes; ou o sábado 20 de xullo, o día que máis persoas, 574, se achegaron ao Museo para contemplar esta exposición. Ademais, as actividades paralelas promovidas polo Museo, como visitas guiadas ou obradoiros, captaron o interese de 780 persoas.

“Agradecemos a todos os pontevedreses que se achegaron ao Museo para participar e difundir a cultura. Con esta resposta, estannos dicindo que paga a pena investir en cultura e traballar por e para a cultura”,  confesou o vicepresidente Rafa Domínguez, quen tamén tivo palabras de agradecemento para as dúas fundacións que colaboran nesta mostra e para o equipo directivo e técnico do Museo: “este novo equipo soubo impulsar dun xeito incrible ao Museo de Pontevedra con novas exposicións, esforzo diario, capacidade de traballo e un profundo coñecemento tanto do Museo como doutras institucións”.

A excelente acollida que tivo esta rompedora exposición é, segundo o presidente Luis López, a mostra de que esta institución que está a piques de cumprir o seu primeiro centenario está “máis viva ca nunca”. Neste sentido, asegura o dirixente, se este mostra bateu récords é porque “hai un traballo de tanta dedicación como profesionalidade por parte do vicepresidente Rafa Domínguez como da directora Ángeles Tilve e do seu equipo, existe unha vontade de tender pontes con institucións de prestixio, como o Museo Thyssen ou a Fundación María José Jove, para traer á provincia o mellor contido, e está deseñado un proxecto sólido, que xa está a dar froitos, para situar a Pontevedra no epicentro cultural internacional”, sostén López.

Neste contexto, ambos os dous dirixentes López e Domínguez coinciden ao sinalar que o Museo de Pontevedra “ten un futuro prometedor”. Un porvir que pasa pola incorporación de Santa Clara, a restauración dos edificios centrais do Museo, a recuperación da Bienal e un ano 2027 no que se celebrará os 100 anos de historia do Museo. “Veñen meses e anos de moita actividade e moito traballo. Pero os feitos falan por si mesmos e esta Deputación seguirá traballando día a día, con profesionalidade e lealdade institucional para superar os retos ilusionantes que temos por diante”, asegura Luis López, que conclúe con que “como isto vai de fábulas, na Deputación seguiremos sendo formigas e non cigarras; ou tartarugas e non lebres para seguir construíndo un Museo, unha cidade e unha provincia que van a máis”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.