A Deputación organiza no Museo de Pontevedra obradoiros para público adulto de introdución a diferentes técnicas artísticas

Este mércores ás 9:00 horas ábrese a inscrición aos cursos prácticos de carbón, tinta e pastel, que se desenvolverán os martes pola tarde entre outubro e xaneiro

17/09/2024

debuxar no museo

O Museo de Pontevedra ofrece nos vindeiros meses a oportunidade de que o público adulto con coñecementos básicos de debuxo se introduza en diferentes técnicas creativas coa colección do Museo como inspiración. Os martes de outubro a xaneiro, Antía Sánchez impartirá tres cursos práctico de debuxo segundo diferentes técnicas, co nome ‘Debuxar no Museo. Exploración artística para principiantes’. Os obradoiros son de balde e o prazo para inscribirse abre este mércores 18 de setembro, ás 9:00 horas, a través da web museo.depo.gal.

Cada un dos obradoiros consta de catro sesións de unha hora e media de duración, que se desenvolverán os martes no Edificio Castelao, con dúas opcións de horario: de 16:30 a 18:00 horas e de 18:00 a 19:30 horas. Nos días 1, 8, 15 e 22 de outubro, o obradoiro estará dedicado á técnica do carbón. Partindo de obras de Laxeiro, explicarase o claroscuro, o alto contraste e como sacar volume de figuras sinxelas.

En novembro, o curso celebraranse os días 5, 12, 19 e 26, centrado na tinta. A obra de Castelao servirá como inspiración, explicando como traballar sobre seco e sobre húmido e como usar diferentes técnicas para aplicar o trazo.

A última das técnicas que se explicará será a do pastel, que será protagonista nas sesións dos meses de decembro, os días 10 e 17, e de xaneiro, os días 14 e 21. Realizarase unha aproximación á cor a través das paisaxes do Museo, empregando o pastel para traballar as cores complementarias e a composición cromática.

Impartirá o curso Antía Sánchez, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Como docente, desenvolveu diversos cursos e obradoiros de pintura e debuxo. Como artista, expuxo en Portugal, Finlandia e España. O ano pasado foi a encargada de impartir, tamén no Edificio Castelao, os obradoiros ‘Imos pintar ao Museo’, con bloques dedicados á autocaricatura, as escenas de xénero e a paisaxe.