A Deputación inicia na Guarda as visitas aos concellos da oficina móbil do programa +Renovables para informar a cidadanía sobre as comunidades enerxéticas
O deputado provincial Javier Tourís visitou a oficina móbil, que percorrerá todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para divulgar os beneficios destas entidades xurídicas
21/11/2024
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou este martes na Guarda a oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para divulgar os beneficios das comunidades enerxéticas e implicar os pequenos concellos nos retos da sostibilidade.
A oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria percorrerá os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar os proxectos de comunidades enerxéticas desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo da enerxía. Trátase dun vehículo 100% eléctrico onde o persoal técnico do programa informará in situ tanto a aquelas comunidades xa constituídas como a colectivos interesados en crealas sobre cuestións de índole legal (redacción e estatutos e normas, cesión de cubertas, revisión de contratos de execución de obras…), técnica (deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica) e económica (créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento…).
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. Actualmente a Deputación tamén está a realizar xornadas de capacitación en todas as comarcas da provincia para afondar en todas as cuestións relacionadas coas comunidades enerxéticas, coa participación de cargos electos e persoal técnico municipal.
A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.