A Deputación leva a oficina móbil do programa +Renovables a Poio, onde elaborará un estudo para impulsar o aforro enerxético nas dependencias municipais
O deputado provincial Javier Tourís visitou a oficina móbil, que percorrerá todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
28/11/2024
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou este xoves en Poio a oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para implicar os pequenos concellos nos retos da sostibilidade. O deputado visitou as instalacións móbiles co alcalde de Poio, Ángel Moldes, nun encontro onde tamén lle confirmou que a Deputación elaborará un estudo para impulsar o aforro enerxético en dependencias municipais da vila.
En liñas xerais, o organismo provincial colaborará con Poio na elaboración dun estudo técnico para reducir o consumo enerxético en infraestruturas e equipamentos públicos municipais instalados na contorna da Seca, entre as que se inclúen o pavillón, ximnasio, campo de fútbol, sede de Protección Civil de Poio e almacén municipal. Está previsto realizar unha análise técnica e económica das instalacións para avaliar a capacidade e necesidades, co obxectivo de instalar sistemas de enerxía fotovoltaica que permitan non só reducir o consumo e en consecuencia o custe enerxético do municipio, senón que contribúan tamén a reducir as emisións de CO2 e incentivar a sustentabilidade.
A oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria está a percorrer os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo. Trátase dun vehículo 100% eléctrico onde o persoal técnico do programa informará in situ sobre cuestións de índole legal (redacción e estatutos e normas, cesión de cubertas, revisión de contratos de execución de obras…), técnica (deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica) e económica (créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento…).
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. Actualmente a Deputación tamén está a realizar xornadas de capacitación en todas as comarcas da provincia para afondar en todas as cuestións relacionadas con proxectos de eficiencia enerxética.
A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.