A Deputación organiza esta semana 13 saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de máis de 950 persoas

Os participantes, de entidades de dez concellos da provincia, visitarán lugares como Vigo, O Grove, A Toxa, Portonovo, Arbo, Salvaterra ou, entre outros, as illas Cíes, Ons, Sálvora e San Simón

25/06/2024

956 persoas de 13 entidades diferentes da provincia desfrutarán nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece ás entidades a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de dez concellos (A Guarda, A Lama, Baiona, Bueu, Marín, Meis, Pontevedra, Portas, Redondela e Vigo) que descubrirán lugares como Vigo, O Grove, A Toxa, Portonovo, Arbo, Salvaterra ou, entre outros, as illas de Ons, Sálvora e San Simón.

As saídas arrancarán este mércores, 26 de xuño, con 52 persoas da Asociación de Mulleres Rurais “Mar e agro” de Bueu coñecerán a Vila Romana de Toralla, o parque de Castrelos e o Museo do Mar, en Vigo. O venres, día 28, serán 64 integrantes da Fundación Integra para a discapacidade intelectual, de Vigo, os que farán unha saída de sendeirismo polo monte Alba e pasarán un día no Parque de Humor Amarelo, tamén en Vigo.

Os percorridos continuarán o sábado, 29 de xuño, coas actividades de cinco asociacións diferentes. Neste caso  55 membros da Asociación Érguete, da Guarda, visitarán a Illa de San Simón, o Museo de Meirande, o Castelo de Soutomaior e a Illa Medal; 23 persoas da Asociación Amizade de Pontevedra realizarán unha saída náutica pola Ría de Vigo; 52 persoas da Asociación Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo), de Redondela, desfrutarán dunha xornada marítima polo Grove, A Toxa e Portonovo; 55 usuarios da Asociación Cultural Evaristo de Sela, de Vigo, visitarán o Pazo de Liñares, o Museo Ramón María Aller e o Castro de Doade; 55 persoas da Asociación de Mulleres Rurais A Picaraña, da Lama, farán unha excursión ás illas de Sálvora e Ons, e 50 persoas da Asociación por un Museo do Mar para Marín coñecerán a Illa de Ons.

As últimas seis saídas desta semana terán lugar o domingo, 30 de xuño. Ese día, 54 persoas da Asociación do Traxe Galego da Guarda coñecerán a Illa de Ons; 54 membros da Asociación Amigos da Vieira de Bueu visitaran a Illa de San Simón, Vigo e o Museo de Rande; 50 persoas da Asociación de Mulleres Rurais do Concello de Meis descubrirán Arbo e Salvaterra de Miño, con visitas ao Museo Arabo e á Bodega Pazo Pegullal; 90 persoas da C.D. Portas desfrutarán dunha xornada de convivencia na provincia, e 302 persoas da ANPA Covaterreña de Baiona realizarán unha saída ás Illas Cíes.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.