A Deputación organiza esta semana 12 saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de máis de 800 persoas

Os participantes, de entidades de once concellos da provincia, visitarán lugares como as illas Cíes, Ons e San Simón, o Pazo de Rubiáns, Vigo ou, entre outros, Redondela

09/07/2024

Máis de 800 persoas de 13 entidades diferentes da provincia desfrutarán nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de once concellos (A Estrada, Arbo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Mos, Ponte Caldelas, Redondela, Silleda, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa) que descubrirán lugares como as illas Cíes, Ons e San Simón, o Pazo de Rubiáns, Vigo ou, entre outros, Redondela.

As saídas arrancarán este xoves, 11 de xullo, coas actividades de dúas entidades. Por unha banda, 50 persoas da Asociación Banda de Música Popular de Tui farán unha ruta fluvial polo río Miño e, pola outra, 82 da Asociación Doa Saúde Mental, de Vigo, pasarán un día nas Illas Ons. Ese mesmo destino teñen catro das entidades que teñen as súas excursións programadas para o sábado 13 de xullo: 54 persoas da Asociación Socio Cultural de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi, de Cerdedo-Cotobade; 53 da Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei, da Estrada; 54 persoas da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Peña de Francia, de Mos, e 54 persoas da Asociación Cultural de familias rurais Vista Real, de Vilanova de Arousa. Ademais, o sábado 13, 52 persoas da ACV Axóuxere de Fiestras, de Silleda, visitarán Vigo e farán unha ruta en barco ata a Illa de San Simón, e 54 persoas da Asociación Mulleres en Igualdade de Vigo viaxarán ás Illas Cíes.

O domingo 14 de xullo será a quenda das últimas cinco asociacións desta semana: 50 persoas da Asociación Solidaria da Paradanta, de Arbo, visitarán o Pazo de Rubiáns, farán a Ruta da Camelia e pasearán por San Vicente; 52 persoas do Centro Social, Cultural, Recreativo e da Terceira Idade de San Vicente e 165 da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Porto-Cabeiro de Vilar de Infesta, ambas de Redondela, visitarán as Illas Cíes, e 50 persoas da Asociación Mulleres Rurais Aires del Norte e Olé e 55 persoas da Asociación Mulleres Rurais A Chanciña farán unha excursión a San Simón, se ben a última tamén visitará Redondela.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.