A Deputación organiza esta semana 10 saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de preto de 640 persoas

Os participantes, de entidades de cinco concellos da provincia, visitarán lugares como Portonovo, as illas de Ons e Sálvora, Salvaterra de Miño, Arbo, o Lago Castiñeiras ou, entre outros, o Castelo de Sobroso

02/07/2024

Preto de 640 persoas de 10 entidades diferentes da provincia desfrutarán nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de cinco concellos (Moaña, Redondela, Vigo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa) que descubrirán lugares como Portonovo, as illas de Ons e Sálvora, Salvaterra de Miño, Arbo, o lago Castiñeiras ou, entre outros, o Castelo de Sobroso.

As saídas arrancarán este xoves, 4 de xullo, con dúas entidades de Vigo. Por unha banda, 108 persoas da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) visitarán o Parque A Canuda, en Salvaterra de Miño, e o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, en Arbo, e, pola outra, 50 persoas da Asociación Son das Flores pasarán unha tarde de verán en Vilaboa e o Lago Castiñeiras.

Os percorridos continuarán o sábado, 6 de xullo, coas actividades de cinco asociacións diferentes. Neste caso, 57 persoas da Asociación Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira, de Moaña desfrutarán dunha ruta en barco e de Portonovo; 80 usuarias da Asociación de Mulleres Poza da Moura de Domaio, tamén en Moaña, visitarán o Dolmen de Chan de Arquiña; 52 persoas da Asociación de Veciños de San Pedro de Sárdoma “O Carballo”, de Vigo, visitarán a Illa de Ons, a onde tamén irán 53 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais “As Aceñas” de Vilanova de Arousa, e 50 persoas da Asociación de Veciños Nosa Terra de Alcabre, de Vigo, visitarán as illas de Sálvora e Ons.

O domingo 7 de xullo será a quenda de dúas novas asociacións: 75 persoas do Centro Social Centro Sociocultural Vilar de Infesta, en Redondela, viaxarán á Illa de Ons e 52 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Loño, de Vila de Cruces, percorrerán O Grove,  a Illa da Toxa e Portonovo. Por último, o vindeiro 9 de xullo 60 usuarios da Fundación Juansoñador, de Vigo, poderán desfrutar do Castelo de Sobroso e á praia fluvial de Maceira, en Covelo.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.