Luis López anima a participar na Festa do Requeixo e o Mel das Neves, unha cita que “dinamiza a economía local e consolida As Rías Baixas como destino gastronómico”

O presidente da Deputación, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, participou este mércores na presentación da edición número 31 desta festa, que contou cunha exhibición do chef con estrela Michelin, Iñaki Bretal, na sede de Vigo

20/03/2024

Luis López na presentación da Festa do Requeixo e do Mel

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou a toda a cidadanía e as persoas que visitan nesta Semana Santa a provincia a achegarse os vindeiros 29 e 30 de marzo ás Neves para gozar da Festa do Requeixo e do Mel, que leva 31 anos celebrándose neste concello. “O requeixo e o mel das Neves son xa un emblema da nosa cultura e gastronomía; dous produtos 100 % Rías Baixas que contribúen a facer da nosa provincia, como recoñece National Geographic, un dos cinco mellores destinos gastronómicos do país”, afirmou Luis López durante a presentación deste evento gastronómico que tivo lugar este mércores na sede da Deputación en Vigo, na que o presidente provincial estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, e o rexedor das Neves, Jose Manuel Alfonso.

O mandatario provincial salientou a importancia das festas gastronómicas como motores para impulsar a economía local e o turismo, pero tamén, especialmente en municipios coma As Neves, para facerlle fronte ao reto demográfico. “Falamos dun evento que dinamiza a economía local, desde a gandería ata o comercio, dunha festa que atrae visitantes de dentro e de fóra das nosas fronteiras e dunha celebración que consolida e enriquece As Rías Baixas como destino turístico e gastronómico”, argumentou López.

A presentación contou tamén cunha exhibición do cociñeiro pontevedrés con estrela Michelin Iñaki Bretal, que empregou o requeixo e o mel das neves para elaborar un prato de alta cociña. “Os teus compañeiros de profesión e o alumnado ao que lle ensinades no Carlos Oroza, tamén tedes boa parte de mérito no éxito que está a ter a nosa provincia como destino turístico. Grazas ao voso labor podemos dicir que somos un paraíso gastronómico”, personalizou Luis López na figura de Iñaki Bretal para expresarlle o agradecemento da Deputación polo labor do sector da restauración e da gastronomía da provincia.

Despois de facer fincapé na tradición dunha celebración que acumula xa 31 edicións e que pon en valor dous produtos 100 % Rías Baixas como son o requeixo e o mel, Luis López tamén quixo poñer en valor o traballo do alcalde, Jose Manuel Alfonso, e do seu equipo de Goberno no Concello das Neves, ao que Luis López lle volveu tender a man da Deputación. “Nese camiño de avance, a Deputación será un socio leal”, díxolle o presidente citando algúns dos proxectos que o ente provincial ten en marcha neste municipio, como é o apoio á celebración desta festa gastronómica, o convenio de colaboración para a humanización da praza de Santa María de Liñares ou a posta en marcha do “Hub de loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”.

“Se hai algo que caracteriza as festas gastronómicas coma a do Requeixo e o Mel das Neves é que son sinónimo de unión, puntos de encontro e de confraternidade. Tres principios que rexen a nosa acción de goberno e que tamén lle dan sentido ao labor que realizamos desde esta sede da Deputación en Vigo”, concluíu Luis López, antes de reiterar a invitación a gozar desta festa a todo o mundo.

Galerias de imaxes