A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, enxalza o Galicia Fórum Gastronómico como “o termómetro de dinamismo do sector” e como un escaparate para As Rías Baixas

19/03/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acompañada pola deputada de Turismo, Nava Castro, asistiu hoxe no Palacio de La Oliva, en Vigo, á presentación da edición de 2024 do Galicia Fórum Gastronómico. Na cita, que terá lugar na Coruña entre os días 7 e 9 de abril, estará presente a institución provincial por ser “un espléndido escaparate da innovación gastronómica. Un termómetro de dinamismo do sector, pero tamén un espazo de coñecemento no que non podemos deixar de participar destinos como As Rías Baixas”, asegurou a vicepresidenta.

Nun foro que xa é o maior evento das súas características no norte de España, polo que pasan máis de 20.000 visitantes anuais e que conta con máis de 200 expositores, a Deputación contará cun posto propio no que dará a coñecer todo o que ten que ofrecer a provincia, “porque a gastronomía, os nosos produtos enolóxicos e gastronómicos, son verdadeiros embaixadores das nosas cidades e vilas. Poderíamos percorrer os 61 concellos da provincia comendo algunha preparación única, diferente e representativa”, explicou Luisa Sánchez. Ademais, tamén adiantou que neste fórum estarán presentes algúns dos mellores cociñeiros da provincia de Pontevedra, coma Javier Olleros, Pepe Vieira ou Pepe Solla.