Luis López destaca a importancia de festas culturais como a do Día de Colón, en Poio, para enriquecer o destino turístico e dinamizar a economía
O presidente provincial participou na presentación dunha festa que cumpre dez anos e que se celebra os vindeiros 10 e 11 de maio en Combarro
03/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia de festas culturais como a do Día de Colón nos concellos da provincia pola súa capacidade para "enriquecer o noso destino turístico, porque dinamiza a nosa economía e porque nos fan vivir experiencias 100 % Rías Baixas". O evento, que se celebrará os vindeiros 10 e 11 de maio na localidade de Combarro, en Poio; foi presentado este venres no Palacete das Mendoza, a sede de Turismo Rías Baixas que depende do organismo provincial e desde a que construímos cada día un destino turístico de primeira".
Acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, o presidente da entidade supramunicipal puxo en valor este tipo de eventos pola súa contribución a consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico "de primeira, sustentable e cun futuro ilusionante". Neste sentido, López enumerou os principais atractivos desta celebración que cumpre dez anos. "Celébrase nun lugar de luxo como Combarro, dos máis fermosos do mundo; celébrase mirando ao mar, ese gran atractivo que identifica e define o noso destino; e celébrase en compañía da nosa xente, chegados de moitos puntos da nosa provincia", afirmou o presidente.
Ao mesmo tempo, Luis López tamén reiterou o apoio da Deputación a este tipo de eventos culturais e deu os parabéns ao Concello e os responsables da organización desta festa e valorou o logro do seu décimo aniversario. "Unha década conmemorando que o navegante máis famoso do mundo era da nosa provincia, de Poio; unha década fomentando a nosa historia e cultura mariñeira; e unha década exaltando a nosa cultura, o noso medio natural, a gastronomía e estilo de vida", subliñou.
Finalmente, o presidente da Deputación convidou a toda a veciñanza da provincia a visitar Combarro a vindeira fin de semana para celebrar o Día de Colón e felicitou ao hostaleiro Ramón Pedras polo seu nomeamento como pregoeiro desta festa que volve despois do parón pola pandemia.