A Sede de Vigo da Deputación acolle ata este venres as exposicións de Rosendo Cid e David Fidalgo Omil

Na sala Rosalía de Castro pódese visitar “Máis alá De catro a catro”, de Rosendo Cid, e na Maruja Mallo “Love”, de David Fidalgo Omil

26/02/2024

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle ata o próximo venres, 1 de marzo, unha dobre exposición que está a encher de arte as salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo. Desta maneira, na primeira pódese visitar “Máis alá De catro a catro”, de Rosendo Cid, e na segunda “Love”, de David Fidalgo Omil.

“Máis alá De catro a catro” é un proxecto de intervención sobre o poemario de Manuel Antonio De catro a catro, co que Rosendo Cid intenta extraer “novos poemas”, nun sentido plástico, e obxectualizar cada unha das dezanove pezas que conforman esta obra. Faino desde un punto de vista vangardista, influído polo manifesto Máis alá, redactado polo poeta en 1932, e tratando de amosarlle ao público non só a transcendencia da obra de Manuel Antonio, senón tamén un modo diferente de achegarse á súa escrita e á arte e á literatura en xeral.

Rosendo Cid (Ourense, 1974) é un artista e escritor que traballa varios medios, coma a fotografía, a colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental das súas obras. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, prologou diversos catálogos de arte e comisariou exposicións, ademais de expor regularmente desde o ano 2000. Entre as súas últimas mostras individuais destacan “Todo aquilo que sucede e con todo non é”, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2021); “La duda es el único estado posible”, na Galería Nordés (2018); ou “Fe de erratas”, na Fundación RAC (2017).

Por outra banda, en “Love” David Fidalgo establece unha reflexión sobre o clixé do amor verdadeiro na televisión. O artista leva anos producindo obras de animación sobre a sociedade que amosan a televisión e as redes desde un punto crítico e irónico, a través do concepto do meme e do absurdo. Nesta mostra, Fidalgo convida as e os asistentes a presenciar esta telerrealidade a través do retrato das e dos personaxes que a habitan e que, dunha maneira humorística, esconden unha imaxe perturbadora da sociedade.

David Fidalgo (Lugo, 1989), tamén graduado en Belas Artes en Pontevedra e cun máster en Álbum Ilustrado e Animación, compaxina as súas dúas paixóns, o cine e a arte, como realizador de animación a nivel nacional cun carácter e estilo moi persoais. Coas súas curtas de animación Cartas a Superman, Homomaquia e Sandwich Cat leva anos participando en festivais de cine de todo o mundo. Tamén formou parte de varias exposicións, coma “Cultivando incertezas”, no Centro Galego de Arte Contemporánea, ou “A costela de Adán”, na Galería Dupla de Santiago.