A Sede de Vigo da Deputación acolle, desde o xoves 18 de xaneiro, as exposicións de Rosendo Cid e David Fidalgo Omil

“Máis alá De catro a catro” poderá visitarse na sala Rosalía de Castro e “Love”, na sala Maruja Mallo, ambas as dúas ata o vindeiro 1 de marzo

10/01/2024

Exposición Love

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle, a partir do vindeiro xoves, 18 de xaneiro, unha dobre exposición que encherá de arte as salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo. Desta maneira, a primeira reunirá a mostra “Máis alá De catro a catro”, de Rosendo Cid, e a segunda “Love”, de David Fidalgo Omil. Ambas as dúas exposicións poderán visitarse ata o día 1 de marzo.

“Máis alá De catro a catro” é un proxecto de intervención sobre o poemario de Manuel Antonio De catro a catro, co que Rosendo Cid intenta extraer “novos poemas” nun sentido plástico e obxectualizar cada unha das dezanove pezas que conforman esta obra. Faino desde un punto de vista vangardista, influído polo manifesto redactado por Manuel Antonio en 1932, Máis alá, e trata de amosarlle ao público non só a transcendencia da obra do poeta de Rianxo, senón tamén un modo diferente de achegarse á súa escrita e á arte e á literatura en xeral como construción mutua.

Rosendo Cid (Ourense, 1974) é un artista e escritor que traballa en varios medios, coma a fotografía, a colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou que son parte fundamental destes. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, prologou diversos catálogos de arte e comisariou exposicións, ademais de expor regularmente desde o ano 2000. Entre as súas últimas mostras individuais destacan “Todo aquilo que sucede e con todo non é”, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2021); “La duda es el único estado posible”, na galería Nordés (2018); ou “Fe de erratas”, na Fundación RAC (2017).

De catro a catro

Por outra banda, en “Love” David Fidalgo establece unha reflexión sobre o clixé do amor verdadeiro na televisión. O artista leva anos producindo obras de animación sobre a sociedade que amosan a televisión e as redes, desde un punto crítico e irónico, a través do concepto do meme e do absurdo. Nesta mostra, Fidalgo convida as persoas asistentes a presenciar esta telerrealidade a través do retrato absurdo das e dos personaxes que a habitan e que, dunha maneira humorística, esconden unha imaxe da sociedade perturbadora.

David Fidalgo (Lugo, 1989), tamén graduado en Belas Artes en Pontevedra e cun máster en Álbum Ilustrado e Animación, compaxina as súas dúas paixóns, o cine e a arte, como realizador de animación a nivel nacional cun carácter e estilo moi persoais. Coas súas curtas de animación Cartas a Superman, Homomaquia e Sandwich Cat leva anos participando en festivais de cine de todo o mundo. Tamén formou parte de varias exposicións coma “Cultivando incertezas”, no Centro Galego de Arte Contemporánea, ou “A costela de Adán”, na Galería Dupla de Santiago.