A Deputación leva este sábado ata Crecente e A Guarda o circuíto +Escénicas
“Chora pallaso”, de Juan Luis Lage, representarase ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Crecente e “Pum Pum Quen hai?”, de Ártika Cía, ás 18:00 horas no Salón de actos do Centro Cultural da Guarda
13/02/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 15 de febreiro o circuíto +Escénicas aos Concellos de Crecente e A Guarda. “Chora pallaso”, de Juan Luis Lage, representarase ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Crecente, e “Pum Pum Quen hai?”, de Ártika Cía, ás 18:00 horas no Salón de actos do Centro Cultural da Guarda. +Escénicas é o novo circuíto da institución provincial que está a espallar ata marzo unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia, cun orzamento de 150.000 euros.
“Chora pallaso” trátase dunha comedia de 45 minutos dirixido a todos os públicos no que un home queda pechado vendo o piso dos seus soños. A soidade pono cara a cara coa súa realidade e terá que enfrontarse a aquilo do que lev tanto tempo intentando escapar, mentres está acompañado polo seu amigo Pavarotti. Pola súa banda “Pum Pum Quen hai?” é unha obra de 50 minutos dirixida ao público infantil de máis de 3 anos no que os espectadores mergúllanse na vida na aldea a través de Gaia, a protagonista, que guía ao público a través de xogos e segredos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.