A Deputación leva este domingo o teatro a Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa a través do circuíto provincial +Escénicas

En Ribadumia representarase “Na procura da igualdade”, da Maga Fani, en Sanxenxo “Os tres porquiños” de EducaTeatro Producións e, en Vilanova, “A illa da deslembranza” de Ártika Cía

12/03/2025

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 16 de marzo +Escénicas aos concellos de Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa con tres espectáculos de teatro enmarcados no circuíto da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Estes espectáculos correspóndense co fin do primeiro ciclo, pero a segunda edición xa está en marcha cun orzamento de 195.000 euros, fronte aos 150.000 euros da súa primeira convocatoria.

O Auditorio municipal de Ribadumia acollerá ás 19:00 horas o espectáculo para todos os públicos “Na procura da igualdade” da Maga Fani. A súa protagonista chega ao escenario cuns claros obxectivos: que as persoas poidan camiñar en calma a calquera hora do día. Que sexa cotián cobrar o mesmo, realizar e alcanzar idénticos postos de traballo ou extinguir a violencia de xénero. A función combina maxia e humor para procurar unha igualdade real e xenuína, nun espectáculo ateigado de ilusións e participación do público.

En Sanxenxo, representarase “Os tres porquiños” de EducaTeatro Producións ás 17:30 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán. Trátase dunha obra musical con bonecos a tamaño real na que se fai unha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a figura de Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos, que se adentran no bosque para coñecer os seus personaxes favoritos. Na súa viaxe, ademais de descubrir a historia, os porquiños bailan ao ritmo da música en directo, coa que os máis cativos poden aprender ou reforzar coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir. A función é de carácter familiar a partir dos 2 anos.

Por último, “A illa da deslembranza” de Ártika Cía representarase ás 18:00 horas no Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa. A obra céntrase nos recordos da avoa de Uxía, que van e veñen como as ondas do mar. Que lle está a pasar? Trátase dunha trepidante historia de aventuras de piratas, onde Uxía loitará cos piratas da Illa da Deslembranza para que non leven os recordos da súa avoa. Conseguirá Uxía salvalos?

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra). A partir deste mesmo luns 17 de marzo, os concellos xa poderán solicitar os novos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.