A Deputación reforza a súa aposta pola igualdade desde a educación coa entrega dos primeiros premios “E ti, que pensas da igualdade?” este mércores 15 de maio no Centro Príncipe Felipe

No acto entregaranse os galardóns aos mellores traballos nas modalidades de Primaria e Educación Especial, ESO e Bacharelato e FP básica ou de Grao Medio

13/05/2024

A Deputación de Pontevedra fará entrega este mércores 15 de maio ás 11:00 horas dos premios do concurso escolar “E ti, que penas da igualdade?” no Auditorio do Centro Príncipe Felipe. No acto entregaranse os galardóns aos mellores traballos nas modalidades de Primaria e Educación Especial, ESO e Bacharelato e FP básica ou de Grao Medio. Está previsto que se dean cita en Príncipe Felipe preto de 400 persoas entre alumnado e profesorado de centros educativos de Baiona, Cangas, Marín, Meaño, Nigrán, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

O concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, posto en marcha por vez primeira este ano polo Goberno provincial, nace para incentivar entre os rapaces e rapazas e a mocidade o pensamento crítico, para sensibilizalos na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e rexeitar a violencia de xénero, para fomentar a súa creatividade e, tamén, para amosar ao conxunto da cidadanía a súa visión sobre estas cuestións.

Esta primeira convocatoria do concurso dirixiuse a todo o alumnado de Educación Primaria, Educación Especial e Secundaria (ESO, Bacharelato e FP Básica ou de Grao Medio) dos centros de ensino da provincia, que puideron presentar os seus traballos en formato grupal ou individual e atendendo a diferentes disciplinas en función das súas idades. Deste xeito, entre 1º e 4º de primaria e en educación especial as propostas individuais eran  debuxos ou colaxes e as grupais, contos, mentres que en 5º e 6º as individuais bandas deseñadas ou viñetas e as grupais, videopoesías. Por outra banda, tanto na ESO como en bacharelato e FP básica ou de grao medio, de maneira individual presentáronse bandas deseñadas ou viñetas, mentres que, en grupo, os primeiros participaron con cancións e, os segundos, con podcasts.

En total, o próximo mércores entregaranse tres premios en cada unha das categorías. En Primaria e Educación Especial o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e unha tableta para a persoa gañadora; o segundo unha sesión de contacontos para o centro e unha cámara de fotos Polaroid para a persoa, e o terceiro un lote de material didáctico para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora.

Na ESO, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo premio consistirá nun obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada ou videocreación para o centro e un agasallo didáctico para a persoa gañadora.

E, por último, en bacharelato e FP básica ou de grao medio, o primeiro premio será unha actuación musical para o centro gañador e un ordenador portátil para a persoa gañadora; o segundo un encontro cunha xornalista galega para o centro e unha tableta para a persoa gañadora, e o terceiro un obradoiro de banda deseñada para o centro que gañe e un agasallo didáctico para a persoa.

Ademais, os traballos finalistas exporanse virtualmente na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal) e recompilaranse nun soporte divulgativo que se distribuirá por todos os centros educativos da provincia de Pontevedra.