Luis López adianta ao alcalde de Campo Lameiro un apoio de 244.000 euros para a peonalización dunha rúa e melloras en camiños ao abeiro do plan + Provincia

O presidente provincial mantivo unha reunión co rexedor Carlos Costa na que lle avanzou a aprobación na Xunta de Goberno do martes de dúas subvencións por valor de 160.000 e 84.400 euros para executar obras e na que trataron asuntos de interese mutuo

18/05/2024

Luis López co alcalde de Campo Lameiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, a aprobación na Xunta de Goberno do vindeiro martes de dúas subvencións ao abeiro do programa +Provincia de 160.000 euros para a recuperación do espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira, así como outra de 84.400 euros para actuacións de mellora nos camiños de Castro de Orto, Camiño Padín e Reboredo. Nun encontro que tivo lugar no despacho presidencial do Pazo provincial, ambos os dirixentes analizaron tamén outros asuntos de interese mutuo para ambas as administracións así como outros investimentos provinciais previstos ao abeiro de plans como o +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Neste sentido, o presidente sinalou que a Deputación ten reservada unha achega total de 462.000 euros ao abeiro do +Provincia. Uns fondos dos que case 90.000 euros se destinarán á contratación de nove persoas para realizar distintas tarefas no concello ao longo deste ano. Do mesmo xeito, este Plan de Obras e Servizos da Deputación, o máis alto da súa historia, reserva tamén 11.500 euros para a redacción de proxectos transformadores ao abeiro da novidosa liña 4 desta programa e outros 38.300 para axudar ao Concello co seu gasto corrente. Con todo, a liña máis elevada e á correspondente aos investimentos, baixo a cal Campo Lameiro recibirá un total de 323.000 euros, dos que preto de 244.000 serán aprobados este martes en xunta de goberno para a execución dos citados traballos.

Ademais do +Provincia, a Deputación tende pontes co Concello de Campo Lameiro a través do Plan de Infraestruturas Deportivas, que achega 28.800 euros para a dotación de material deportivo no ximnasio municipal.

A colaboración entre ambas as administracións inclúe tamén o apoio de 34.600 euros para a prestación de servizos sociocomunitarios ou os 10.800 euros para as axudas básicas de emerxencia. Do mesmo xeito, o Concello de Campo Lameiro forma parte do proxecto provincial “Da túa man (Rural)” para fomentar o comercio local ou a instalación de illas ecolóxicas para promover a reciclaxe e a correcta separación dos residuos.

Este encontro institucional entre o alcalde Carlos Costa e o presidente provincial, Luis López, transcorreu nun clima de cordialidade no que o presidente reafirmou o compromiso da Deputación co municipalismo, co apoio aos concellos e coa escoita aos alcaldes, que son os que coñecen de primeira man as necesidades da veciñanza.